Debate sobre os cambios nos modelos de consumo no Congreso de Agroecoloxía

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais acolle a sexta edición os días 16 e 17 de xuño

nnn En 2006 celebrábase en Lugo a primeira edición do que inicialmente se chamaba Congreso de Agroecoloxía e Agricultura Ecolóxica en Galicia. Dez anos despois e baixo o nome de Congreso Internacional de Agroecoloxía tense convertido nunha cita bianual imprescindible no eido da ecoloxía, a economía ecolóxica, o consumo responsable e o desenvolvemento sostible. A súa sexta edición terá lugar, como vén sendo habitual nos últimos anos, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, os días 16 e 17 de xuño, desta volta centrada nos cambios de modelos de consumo como condición básica para construír sistemas agroalimentarios sustentables.

O Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo encárgase da organización deste evento aberto tanto á comunidade científica como aos movementos sociais, empresas, persoas e comunidades de calquera parte do mundo, se ben adoita tar unha presenza especial Latinoamérica. Ata o momento xa se recibiron máis de 100 ponencias de dez países, que o comité científico deberá seleccionar para pechar a lista de comunicacións orais.

A conferencia de apertura o día 16 correrá a cargo de Jorge Riechmann, profesor da Universidad Autónoma de Madrid, cun relatorio titulado ¿Podemos controlar nuestro destino en el Siglo de la Gran Prueba? Na segunda xornada do congreso, o día 17, terán lugar tres conferencias plenarias, a primeira será impartida por Óscar Carpintero, da Universidad de Valladolid, sobre o sistema agroalimentario: unha mirada dende o metabolismo social; a segunda por Cristina Carrasco, da Universidad de Barcelona, sobre sostenibilidade da vida: apuntes desde a economía feminista; e a terceira por Clara Nicholls, da University of Cafilornia Berkeley, centrada na agroecoloxía e o deseño de sistemas biodiversos e resilientes.

Neste décimo aniversario do congreso os seus organizadores, co profesor Xabier Simón á cabeza, avogan por “un punto de inflexión” poñen o foco nas persoas. “Sendo importante a tecnoloxía innovadora para producir alimentos, o centro da nosa atención deben ser as persoas, as comunidades que comparten e as institucións das que forman parte para construírmos de xeito inmediato novos sistemas agroalimentarios: os cambios sociais son máis espontáneos que os tecnolóxicos, e as decisións políticas son urxentes, cada vez máis”.

Te puede interesar
Más en Universitas