PUBLICACIÓN

Décima actualización do 'Sistemas electrónicos digitales'

Son 42 anos, dez edicións e unha obra clave no ensino da Electrónica Dixital.

En 1973 vía a luz "Sistemas electrónicos digitales", unha obra elaborada polo hoxe profesor xubilado da Universidade, Enrique Mandado, para formar ao alumnado na creación e funcionamento duns mecanismos que naquel momento resultaban unha revolución.

Un compendio de 300 páxinas que, 42 anos e dez edicións despois, converteuse nun referente no estudo do campo da Electrónica Dixital tanto a nivel nacional coma fóra das nosas fronteiras, un feito que Mandado non esperaba no momento de darlle forma á súa obra, pero do que fala con enorme satisfacción, destacando que “gustou incluso en lugares onde non o esperaba, coma en Sudamérica”. 

Aquelas 300 páxinas coas que comezou a obra xa son historia nesta décima edición, realizada en colaboración co catedrático da Universidade do País Vasco, José Luis Martín González, que se incorpora ao proxecto. Ambos autores presentaron o manual este xoves na libraría Casa do Libro, acompañados polo director do Instituto de Electrónica Aplicada da Universidade, Francisco Javier Fernández.

O libro, composto por un total de 1.061 páxinas e máis de 1.000 figuras, incide segundo os autores "na mellora do sistema de autoaprendizaxe da electrónica dixital adaptada aos progresos acadados no século XX e na primeira década do século XXI”. Por outra parte, Mandado busca con este manual “liberar tanto ao alumnado como ao profesorado de parte da carga de clases teóricas e incentivar o uso das titorías para aclarar dúbidas”, explica o docente xubilado.

A integración de José Luis Martín nesta edición de "Sistemas electrónicos digitales" supón o primeiro froito da colaboración entre o Instituto de Electrónica Aplicada da Universidade e a institución académica vasca. Para Mandado, a contribución de Martín é o resultado da busca de “alguén que poida garantir a continuidade da obra e que teña a suficiente capacidade e gañas de seguir co libro cando eu teña que deixalo”. Ademais, recoñece que nesta elección pesou “o gran traballo feito no País Vasco, a rexión española que máis apostou polo desenvolvemento da electrónica mecánica como medio para xerar riqueza”.

Non obstante, a integración do docente vasco como co-autor da décima edición do manual non significa, nin moito menos, que esta sexa a última encabezada por Mandado, quen xa pensa en comezar coa undécima actualización “a partir do próximo verán, se contamos coa colaboración suficiente”.

Te puede interesar
Más en Universitas