INVESTIGACIÓN

Descende un 60% a poboación do corvo mariño dende o ano 2000

g1_result
photo_camera Imaxe de corvo mariño realizada por David Álvarez, codirector da tese.

Barros presentou a súa tese na que afirma que a conservación da poboación estudada depende da aplicación urxente de medidas

O Prestige reduciu significativamente o éxito reprodutor do corvo mariño e este efecto mantívose no longo prazo, ata o punto de que a poboación actual desta especie no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia é un 60% menor da que había a comezos da década do 2000. Así o demostra o investigador do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Álvaro Barros na súa tese de doutoramento, unha minuciosa investigación sobre a conservación de poboacións periféricas en aves mariñas, centrada no caso do corvo mariño cristado, no noroeste da península ibérica. 


Aínda que, especialmente nas illas Ons, a especie ven amosando signos de recuperación nos últimos anos, o investigador subliña que calquera novo impacto podería facer que a poboación descendese por baixo do que se considera o límite de poboación mínima viable, e esta se encamiñase cara á extinción. Estes impactos ben poderían ser un período especialmente prolongado de certas circunstancias meteorolóxicas, unha nova vertedura de hidrocarburos, a chegada de máis visóns ás illas, ou un evento especialmente dramático de mortalidade de adultos, “motivada, por exemplo, polas artes de enmalle, en claro auxe no parque nacional”, subliña o autor da tese, que fai fincapé en que a conservación da poboación estudada pasa pola aplicación urxente de medidas multidisciplinares.


E cales deberían ser estas medidas? O investigador recalca a necesidade de que a administración facilite o financiamento necesario para iniciar canto antes un estudo detallado das posibles causas de mortalidade no parque nacional, con especial atención á interacción con artes de pesca. “Hai que analizar onde se está pescando dentro do parque, que é o que se está a pescar e con que artes, e ver se nese tipo de pesca están a morrer os corvos e en que cantidades”, subliña Barros, ao tempo que explica que, unha vez realizado este estudo detallado, poderanse propoñer medidas concretas de xestión da pesca neste espazo natural. “Somos conscientes de que é un tema polémico, pero esta é a clave se queremos que siga habendo corvos nas illas, unha especie que, cómpre recordar, foi un dos principais valores polos que se creou primeiro o parque natural de Cíes e logo o parque nacional actual”, apunta o investigador.

Te puede interesar
Más en Universitas