UNIVERSITAS

España da os primeiros pasos na defensa de vítimas de acoso

gal03_result
photo_camera O congreso acolleu oito mesas redondas.

O II Coloquio Internacional de Investigadores en Dereito analiza as distintas formas de defensa xurídica para as vítimas de acoso.

 Persecucións pola rúa, chamadas constantes, chuvia de correos electrónicos, bombardeo de mensaxes de texto, ameazas... Estas son algunhas das formas que toma o chamado "stalking" ou acoso predatorio, unha serie continuada de actos que alguén realiza de forma obsesiva irrompendo na vida da vítima sen o seu consentimento. Despois de que este termo aparecera por primeira vez nos Estados Unidos nos anos 90, agora España vai tipificalo como delito e recollelo no seu código penal a través do artigo 172.ter. Este é un dos temas de candente actualidade que se debateron no II Coloquio Internacional de Investigadores en Dereito que se celebrou recentemente no Edificio Xurídico-Empresarial do campus de Ourense e co que se trata de “visibilizar” o labor investigador que se está a realizar no campo das ciencias xurídicas.

Trátase dun evento “especial pola súa singularidade, xa que se dirixe a novos estudosos deste campo para sacar á luz novos proxectos, afondar neles, crear unha rede de colaboración con outros expertos ou estudar novas liñas de investigación a partir das reflexións que se fagan durante este tempo de debate”, como sinalou o director da Área de Planificación do campus de Ourense, José María Faílde, durante o acto de benvida aos 36 investigadores participantes. Poñentes procedentes de universidades de diferentes cidades de España, Portugal, Brasil, México e mesmo Bulgaria que abordaron os aspectos legais de cuestións como os menores en internet, a violencia de xénero, os dereitos humanos, a loita contra a corrupción ou o ADN e o dereito á intimidade xenética.

Te puede interesar
Más en Universitas