Éxito do primeiro proxecto internacional da Agrupación Aeroespacial

O satélite Serpens desintegrouse tras 192 días operativo en órbita  e 3.000 voltas á Terra

Eran aproximadamente as 09.00 horas do domingo 27 de marzo, hora de Vigo, cando no Atlántico sur, fronte ás costas de Brasil, o satélite Serpens reentraba na atmosfera, desintegrándose totalmente. Remataba así unha experiencia iniciada dous anos antes cando a Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo asumía o seu primeiro proxecto cun cliente internacional, a Agência Espacial Brasileira, AEB, que puxo en marcha o proxecto Serpens, baixo a coordinación da profesora Chantal Cappelletti da Universidade de Brasilia e coa participación de alumnado dos institutos e universidades brasileiras, Federal de Santa Catarina, Minas Gerais, Federal do ABC e o Instituto Federal Fluminense, ademais das universidades de Vigo, Morehead State e a California State Polytechnic de EEUU e a Sapienza Università di Roma de Italia. Tras varios anos traballando en proxectos desenvolvidos enteiramente na Universidade de Vigo, a Agrupación Aeroespacial, que dirixe o investigador e docente Fernando Aguado, enfrontaba a súa primeira colaboración internacional nun proxecto que incluía de inicio un satélite, catro estacións en terra e unha vintena de sensores localizados en puntos tan distantes como Vigo, Ourense, Calpoly (USA), Valdivia (Chile), a Antártida e Brasil para enviar datos ambientais, que usando bandas de frecuencia de radio comunicaríanse co satélite.

Unha plataforma de altas prestacións e unha carga útil evolucionada de Humsat, con melloras baseadas nos datos en órbita deste satélite, centraron o traballo do equipo da Universidade de Vigo no denominado sector B de Serpens, tomando ademais parte no despregue de sensores durante a fase de operación. “O sector B funcionou perfectamente, desde o primeiro ao último día, polo que valoramos moi positivamente o resultado do noso traballo. Puidemos cumprir todos os nosos obxectivos científicos e a tecnoloxía desenvolvida na Universidade de Vigo demostrou a súa fiabilidade e potencial”, asegura Fernando Aguado, para quen o maior logro da Agrupación Aeroespacial foi cumprir con éxito co seu primeiro contrato externo cunha axencia espacial , “acadando o 100% das expectativas e deixando á axencia brasileira enormemente satisfeita”.

O satélite lanzouse o 19 de agosto de 2015 cara á Estación Espacial Internacional, ISS, e alí permaneceu ata o 17 de setembro, cando foi inxectado na atmosfera. Ata o 27 de marzo de 2016, día da reentrada na atmosfera, Serpens estivo un total de 221 días no espazo, 29 almacenado na estación e 192 operativo en órbita, dando 3000 voltas á Terra.n

Te puede interesar
Más en Universitas