UNIVERSITAS

Éxito do servizo de mediación familiar intraxudicial

pag4B_result
photo_camera A mediadora Blanca Otero e a coordinadora da Universidade de Vigo, Esther Pillado.

Case un 50% dos procesos tramitados en Vigo durante o pasado ano 2015 remataron con acordo

Voluntariedade, dialogo, autoxestión do conflito e ausencia de imposicións. Estas son algunhas das características máis salientables da mediación familiar intraxudicial, un método alternativo aos sistemas xudiciais clásicos, empregado para a xestión de conflitos familiares, sobre todo cando existen menores de idade implicados.

Se no caso das familias este método reporta beneficios como potenciar a comunicación ou previr a violencia, outro tanto ocorre no caso dos xuíces e xuízas e da administración de xustiza, que ven simplificado o seu labor, ao reducirse os incumprimentos de sentenza e o número de procesos contenciosos, así como o de denuncias, mesmo no ámbito penal. Así mesmo, aseguran os e as expertas en mediación familiar intraxudicial, esta alternativa, lonxe de introducir retrasos nos procesos, contribúe a recuperar o diálogo e o entendemento entre as partes en conflito, que se converten nos auténticos protagonistas dun proceso que contribúe de xeito significativo a desconxestionar os tribunais.

A cidade de Vigo conta desde novembro de 2012 cun Servizo de Mediación Familiar Intraxudicial, xestionado pola Universidade, que ao longo do ano 2015 atendeu 150 casos, derivados polos xulgados número 5 e 12 da cidade. Desas 150 familias, 47 aceptaron a mediación, acadándose un resultado de acordo en preto dun 50% dos casos (23), mentres que noutros 14 non se chegou a acordo, oito seguen en proceso e dous quedaron interrompidos.

Te puede interesar
Más en Universitas