CONEXIÓN LUSO-GALEGA

Fíos de "cooperación intelixente para o desenvolvemento"

photo_camera Corbacho, Mato e Fouces, na inauguración deste encontro internacional.

Técnicos e investigadores de universidades galegas e lusas participaron nun encontro na Casa das Campás.

“Comezar a crear unha rede de cooperación intelixente para o desenvolvemento, iso é o que queremos que naza aquí”. Este foi o desexo que o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, trasladou aos e ás representantes de diferentes universidades galegas e lusas na inauguración do primeiro Encontro Internacional de Cooperación Universitaria SUG-Norte de Portugal, que deu inicio na Casa das Campás.

Non en van, poñer en contacto aos diferentes axentes que traballan no eido da cooperación nas institucións académicas de ambos lados da raia é o obxectivo central destas xornadas organizadas pola Universidade de Vigo no marco das actividades da Rede Galega de Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento (RGCUD).

O desenvolvemento de proxectos de investigación en países en vías de desenvolvemento, a transferencia do coñecemento e a cooperación con universidades de diferentes partes do mundo, a formación dos e das axentes que traballan neste eido ou o propio traballo de sensibilización e concienciación do alumnado son só algúns dos moitos ámbitos nos que as universidades poden contribuír á cooperación para o desenvolvemento. Un labor no que, “canto máis sumemos esforzos, máis efecto multiplicador van a ter as nosas accións”, como lembrou o reitor no encontro financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores da Xunta e no que participan representantes das universidades de Porto, Minho ou Trás-os-Montes e Alto Douro, xunto con membros de diferentes ONG.

Te puede interesar
Más en Universitas