Universitas

A HappyGoRunning colabora co equipamento dun horto ecolóxico

Universitas

A HappyGoRunning colabora co equipamento dun horto ecolóxico

Expositores que estes días están ubicados no Campus de Vigo.
photo_cameraExpositores que estes días están ubicados no Campus de Vigo.

Un euro de cada inscrición irá destinado ao proxecto Verdear

Ademais de ser unha cita deportiva, de ocio e ao aire libre, a HappyGoRunning destaca polo seu carácter solidario. Nesta ocasión, destinarase 1 euro de cada inscrición á carreira á Fundación Galega contra o Narcotráfico. Este colectivo está inmerso en múltiples accións  tanto centradas na prevención e sensibilización como de integración. No que se refire ao destino dos cartos recadados na carreira, irán destinados a axudar no equipamento do horto ecolóxico que a Asociación Alborada ten en Vigo, dentro do proxecto Verdear, destinado a favorecer a integración sociolaboral de drogodependencia. Este horto non só é positivo dende o punto de vista de integración sociolaboral senón que tamén provee de alimentos aos máis necesitados.

Esta acción súmase así a outros actos paralelos que a fundación leva a cabo coa Universidade de Vigo e concretamente co Servizo de Deportes. Destaca tamén e relacionada coa carreira unha "competición" entre as universidades Galaico-Durienses aproveitando a afición que existe polo running, así como unha  exposición que se vén de inaugurar e que está na propia Universidade de Vigo, onde se facilitan folletos informativos sobre a labor da Asociación, as accións que levan a cabo, a importancia de promover hábitos saudables, etcétera. A exposición estará fronte ao rectorado e ao servizo de todos os interesados ata mañá venres. Por último, é importante salientar tamén que os MartesConVida tamén proporcionarán información relacionada coa drogodependencia, unha mostra máis da estreita colaboración entre a Universidade e a Fundación Galega contra o Narcotráfico.