congreso

Investigación e innovación aplicadas ao piragüismo

Preto de 300 técnicos e especialistas participaron no congreso que se desenvolveu en Catoira.
photo_camera Preto de 300 técnicos e especialistas participaron no congreso que se desenvolveu en Catoira.

Os campións olímpicos Saúl Craviotto e Maialen Chorraut figuraron entre os relatores

Procedentes de 15 países, preto de 30 conferenciantes e arredor de 280 inscritos e inscritas participaron desde o pasado venres no VII Congreso Internacional de Adestradores de Piragüismo en Augas Tranquilas – I Congreso Internacional de Slalom, que a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, o Concello de Catoira, a Real Federación Española de Piragüismo e a Federación Galega de Piragüismo organizaron nesta localidade pontevedresa.

Abordar as máis recentes investigacións e innovacións aplicadas a un deporte que “necesita de moita máis investigación”, como sinala o presidente do Comité Organizador e profesor da Universidade de Vigo, Manuel Isorna, constituiu o obxectivo central do evento que se estendeu ata este domingo e que tivo entre os e as súas conferenciantes aos campións olímpicos Saúl Craviotto e Maialen Chorraut. 

Xunto a estes dous deportistas, entre os conferenciantes neste evento figuraron tamén o presidente da Federación Internacional de Piragüismo, José Perurena; os técnicos do equipo nacional húngaro Miklos Simon e Viktor Hüvös; o ucraíno Yuri Cheban, medalla de ouro en Londres 2012; ou o tamén olímpico Jernej Zupancic, actualmente técnico do equipo nacional júnior de Eslovenia. “A calidade dos adestradores que acoden é impresionante”, recoñece Isorna, profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, dun congreso que reuniu a técnicos chegados de países como Suecia, Finlandia, Dinamarca, Serbia, Lituania, República Checa, Francia, Inglaterra, Australia, India, Colombia ou México, pero tamén a investigadores e deportistas.

Ao longo da mañá da xornada inaugural houbo os relatorios dos adestradores David Calvente e Xabi Taberna, do italiano Andrea Peace, o húngaro Andras Szabo e a investigadora italiana Sabina Strano, que falou da dopaxe e as súas ameazas. Pola tarde celebrouse o acto de apertura. Nel participaron o alcalde de Catoira, Alberto García; o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, o director xeral de Deportes do Consejo Superior de Deportes, Mariano Soriano, responsable tamén da conferencia inaugural; a secretaria xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez; o presidente da Real Federación Española de Piragüismo, Juan José Román; e presidente da Federación Galega, Alfredo Bea.

“Cremos que a formación e o coñecemento, tanto científico como técnico, son piares básicos para o progreso, da ciencia e do piragüismo”, salientou Soto na inauguración dun congreso que “entronca de cheo coas políticas que está levando a cabo a Universidade” nas áreas de saúde e deporte.

Te puede interesar
Más en Universitas