Lucas centra a súa tese nas gaivotas e nos “efectos maternos anticipatorios”

Increméntanse as diferenzas entre irmáns dunha mesma niñada ante situacións de perigo

Os xenes e as condicións ambientais determinan principalmente as características das crías de calquera ser vivo. Pero esas condicións ambientais xa son transmitas polas nais mediante o coidado e os recursos que dan aos seus fillos, mesmo antes do nacemento. En analizar cales son estes efectos manternos centrou a súa tese de doutoramento Alberto Lucas, concretamente no desenvolvemento da gaivota amarela (Larus Michahellis). Explica o investigador que as nais non só inflúen no fenotipo da descendencia mediante os xenes, “en moitas especies, unhas condicións benignas durante o desenvolvemento permiten unha maior eficacia biolóxica”. E dicir, que os efectos maternos non representan unicamente unha transferencia pasiva da información ambiental á descendencia, “senón que tamén son un axuste activo do fenotipo dos fillos a un determinado ambiente”, o que se coñece como “efectos maternos anticipatorios”. Lucas analizou o caso das gaivotas amarelas baseándose no feito de que en ambientes cambiantes e predicibles a curto prazo “as nais poden programar o fenotipo dos fillos ao ambiente no que se atoparán tras o nacemento” e subliña que as aves son un bo sistema de estudo dos efectos maternos, “posto que nun ovo as nais depositan todos os recursos necesarios para o desenvolvemento , como por exemplo, nutrientes, antioxidantes ou hormonas”.

Ao estar adaptadas ao voo, durante os primeiros días de vida as aves son moi vulnerables a depredadores, como o visón americano. Por iso, a rapidez en ocultarse e o tempo que poden permanecer inmóbiles determina a súa pervivencia. Pero neste comportamento está presente a influencia materna, xa que en certas situacións, as nais poden incrementar a súa eficacia biolóxica favorecendo a uns fillos sobre outros. No caso das gaivota, poñen o último ovo máis pequeno, varios días despois e con menos recursos. En condicións favorables poden saír todos adiante, pero no caso de perigo, esta estratexia favorece aos primeiros ovos e asegura a supervivencia de parte da niñada.

O estudo de Alberto Lucas, dirixido polos profesores Alberto Velando e Judith Morales, centrouse na illa de Sálvora entre 2010 e 2013 e confirmou o papel dos efectos maternos sobre o fenotipo da descendencia, en resposta a distintas condicións ambientais. As conclusións amosan como as nais expostas ao visón durante a formación dos ovos incrementaron as diferenzas comportamentais e morfolóxicas entre os irmás dunha mesma niñada, posiblemente para favorecer a determinados polos. Por outra banda, o estudo de Lucas determina que os segundos fillos destas nais expostas ao visón reaccionaron antes tras escoitar o grito de alarma e tiveron un comportamento más tímido, mentres que os terceiros fillos foron máis rechamantes e pesaron menos que os seus irmáns. Outra das conclusións é que as nais modificaron a duración do desenvolvemento no ovo do terceiro polo, posiblemente para reducir la diferenza de idade cos seus irmáns.

Te puede interesar
Más en Universitas