Máis orientación ante necesidades especiais

gal01-1-_result
photo_camera Alberto Pérez.

Alberto Pérez analizou na súa tese a inserción sociolaboral

A súa experiencia persoal traballando en centros de educación especial levou a Alberto Pérez a preguntarse se os programas relacionados coas habilidades sociais e da vida diaria e as competencias académicas e profesionais podían incidir dun xeito directo na posibilidade deste tipo de alumnado para conseguir unha maior inserción social e laboral. Dous anos de traballo materializáronse na súa tese de doutoramento, na que conclúe que todo este tipo de ensinanzas son fundamentais para unha maior integración das persoas con necesidades educativas especiais. Pero, ademais, “é preciso que nos centros ordinarios se incida das habilidades orientadas ao traballo para poder potenciar as posibilidades de inserción sociolaboral do alumnado escolarizado neles que presenta necesidades especiais”.

Na tese, dirixida polo profesor de Ciencias da Educación Manuel Ojea, tratábase de saber se existían diferenzas entre os distintos actores participantes na investigación, se o grao de necesidades do alumnado está directamente relacionado coas súas posibilidades de atopar un emprego e integrarse na sociedade e se o tipo de escolarización pode condicionar o seu futuro laboral e social. A conclusión do doutorando foi clara: “Canto máis se fomente a orientación educativa e profesional dos estudantes con necesidades especiais maior serán os resultados que se obteñan no proceso de inserción sociolaboral do alumnado”.

Te puede interesar
Más en Universitas