UNIVERSITAS

Media ducia de altos executivos e accionistas controlan a economía mundial

g1_result
photo_camera O investigador Iago Santos Castroviejo é o autor do libro editado polo Servizo de Publicacións da UVigo.

O investigador Iago Santos Castroviejo advirte na súa publicación  do poder crecente dos ‘investidores globais’

Nin o goberno español, nin o alemán nin o Banco Central Europeo, o equipo de executivos do Banco Santander, Inditex, Caixabank, BBVA e Telefónica son quen concentra o poder económico en España, se ben pouco a pouco estase tamén a producir unha crecente progresión dos denominados ‘investidores globais’ ou ‘investidores sen fronteiras’, sociedades e fondos de investimento, maioritariamente de Wall Street e da City londinense, que posúen o 80% do control da rede mundial de empresas e, entre eles, inclúense nomes como Barclays, Capital Group Companies Inc, Axa Fr ou JP Morgan. Estas son só algunhas das ideas que se expoñen no libro "Elites del poder económico en España en 2013", unha obra do profesor Iago Santos Castroviejo editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo na que se afonda en detalle na estrutura do poder económico e na globalización do estado español.

“Estamos cada vez máis ante unha economía capitalista obediente, moi lonxe do mito dunha economía puramente competitiva, do engano dunha economía rexida polo mercado, aínda que este sexa un espazo económico fundamental”, subliña o autor, quen recalca que esta realidade é certa tanto para a economía global como para a española, “co agravante de que as estratexias que estiveron a aplicar os gobernos españois están a ser demasiado obedientes cos poderes dos investidores sen fronteiras e a deixar o país moito máis incapaz de poder decidir e apostar polo seu futuro, de forma que soamente vai poder ocupar o lugar que lle deseñe ese núcleo de investidores alleos”, apunta Santos Castroviejo, que acaba de xubilarse tras unha longa traxectoria como docente e investigador da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

Xunto a ese núcleo reducido de accionistas e altos executivos que dominan o mercado español, o investigador achega na obra abundante información sobre outra vintena de equipos de executivos e accionistas que ampliarían esa rede de goberno do mercado español. Segundo os datos achegados polo investigador formarían parte destes 20 equipos 124 executivos e accionistas, presentes nos consellos de administración de 51 empresas sobre as 133 que cotizan no mercado continuo.

SEN “estratexia de país”

A falta dunha “estratexia de país” dos diferentes gobernos españois reflíctese nos múltiples mandatos de reestruturación da sociedade económica española “sempre a pedir de boca dos investidores globais”, subliña Santos Castroviejo, que vai un paso máis alá e introduce unha nova variable: a alianza entre os investidores globais e os intereses dos industrialistas alemáns. “O goberno español acepta con demasiada frivolidade un recoñecemento e unha xestión da débeda, tanto pública como privada, que favorece a eses investidores globais e prexudica notablemente á sociedade económica española”, subliña o investigador, ao que engade que a isto se suma a “neutralización ou desaparición” de actores españois fundamentais, tales como o desmantelamento das caixas de aforro, a inutilización do Estado tanto na capacidade fiscal como monetaria e mesmo industrial co abandono das participacións estatais nas empresas, ou a entrega progresiva de servizos públicos e empresas a estes investidores globais, “falo, por exemplo, o avance do grupo Bupa nas licitacións dos tramos privatizados da sanidade”, puntualiza o investigador, que engade a esta lista outros exemplos de medidas levadas a cabo polo goberno que favorecen os investidores globais e que inclúen, entre outras, “a reforma das pensións, a sanitaria, a laboral e as diferentes reformas fiscais”.

Te puede interesar
Más en Universitas