UNIVERSITAS

Ese lugar das sombras nos que esperta a luz

photo_camera Inauguración da exposición ‘Afterglow’, de María Convadonga Barreiro.

A mostra, comisariada por Yolanda Herranz, recolle 14 imaxes que evocan ambientes tenebrosos a través dos claroscuros

Un lugar de soño no que todo parece estar detido pola serenidade dunhas escenas nas que o negro, a profundidade e o xogo de claroscuros fan que o espectador quede atrapado na obra. Ese é o escenario creado por María Covadonga Barreiro na nova exposición da Sala Alterarte, Afterglow, unha selección de catorce fotografías enmarcadas en caixas de luz que vagan na negrura dun fondo monocromo xerando un espazo atractivo e misterioso.

“A mostra baséase na luz, pero tamén no tempo, nun instante no que a luz está a piques de desaparecer dando paso a escuridade. Marca o fin e o principio”, asegurou a artista durante a inauguración dunha montaxe que pon o broche de ouro ao proxecto expositivo Estado Crítico 2.

Comisariada pola catedrática de Escultura da Facultade de Belas Artes Yolanda Herranz, a mostra recolle unhas obras que captan diferentes focos de iluminación real, dende fiestras a lámpadas para presentar non só a luz en si mesma, senón os efectos que a iluminación ten sobre os obxectos representados. Claroscuros e contraluces que evocan ambientes tenebrosos e atmosferas densas pero “acolledoras a través dunha luz cálida que mergulla ao público na obra”. “É unha exposición madura, con clave poética e cunha mirada que obriga ao espectador a deterse no cotiá e en pequenos detalles que a miúdo pasan desapercibidos”, salientou a comisaria, que quixo titular o texto que acompaña á exposición Crepúsculos: esperas e abandonos.n

Te puede interesar
Más en Universitas