CONVENIO

Na procura do castro de Formigueiro

A UVigo asinou un convenio de colaboración co Concello de Amoeiro

A zona dos Chaos de Amoeiro é unha zona de gran riqueza patrimonial. Nela sitúase o Castelo de Alba de Búbal, do século XI, derrocado logo polos irmandiños e de novo reconstruído como cabeza de xurisdición ata a Idade Moderna. Atendendo a diferentes evidencias, os arqueólogos creen que posiblemente este castelo, do que hoxe só se conservan indicios en superficie, foi construído sobre o chamado castro de Formigueiro. Co obxectivo de atopar este castro e estudalo xunto a outros elementos de interese da contorna, como as estelas “da mellor cultura galaica antiga ou cultura castrexa” reutilizadas na arquitectura local, o Concello de Amoeiro vén de asinar un convenio coa Universidade que permitirá a arqueólogos do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio GEAAT traballar durante catro anos neste emprezamento. 

Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Rafael Rodríguez, alcalde de Amoeiro, foron os encargados de asinar o convenio específico de colaboración en materia de arqueoloxía nun acto no que tamén participaron Beatriz Comendador, vicedecana da Facultade de Historia do campus de Ourense, e Ladislao Castro, investigador que dirixirá o proxecto. “Estamos encantados de poder achegar riqueza, coñecemento e formación aos concellos a través dos nosos recursos humanos e de iniciativas coma esta”, destacou Virxilio Rodríguez trala sinatura do acordo. Na aposta que está a facer o seu concello polo coñecemento, recalcou pola súa banda Rafael Rodríguez, a valorización das raíces é unha das liñas de actuación. Neste senso, a colaboración que se abre agora coa Universidade, sinalou o alcalde, “servirá para pór en valor un patrimonio que non moitos coñecen e para abrir oportunidades de desenvolvemento para a zona”.

Te puede interesar
Más en Universitas