UNIVERSITAS

Nova metodoloxía de análise de calidade ambiental

g1_result
photo_camera Joaquín Sancho (primeiro pola esquerda),xunto cos directores da tese.

A tese do investigador José Joaquín Sancho localiza episodios de contaminación indetectables en mostraxes puntuais

José Joaquín Sancho é docente do Centro Universitario da Defensa da Universidade de Zaragoza e ten tamén unha ampla experiencia no sector privado como enxeñeiro industrial. Estas dúas vertentes profesionais plásmanse na súa tese de doutoramento, na que propón unha nova metodoloxía de análise de calidade ambiental que combina o mellor das dúas técnicas máis empregadas ata agora e que “mellora e preserva a calidade do medio ambiente”. Sancho forma parte do grupo de investigación CI-5 do Departamento de Enxeñería dos Recursos Naturais e Medio Ambiente e destaca que dende principios do século XX o Control Estatístico de Proceso (CEP) ten sido empregado como unha exitosa metodoloxía que permite monitorizar a variabilidade e estabilidade dun proceso, fundamentalmente industrial e continuo no tempo.

A outra técnica empregada é a Análise Funcional de Datos que é moito máis recente, xa que se comezou a empregar a finais do século pasado. O investigador destaca que “mentres as ferramentas que conforman o CEP son universalmente aceptadas e empregadas para a análise de calidade en contornas industriais, o seu uso non se estendeu por diferentes motivos, sen embargo, ao análise e control de calidade de parámetros ambientais. De feito, lembra que na actualidade “a maioría dos estudos ambientais sobre o control da calidade da auga e do aire, relacionados coa busca de episodios contaminantes anómalos, realízanse mediante a análise de series temporais de datos de diferentes indicadores unitarios (nitratos, amonio, CO2, ozono, etc.) ou ben globais, que están relacionados directamente cos niveis de contaminación existentes”. 


O problema desta técnica é que á hora de definir estes episodios anómalos de contaminación, “a determinación da non validez de certos valores baséase na suposición do mal funcionamento dos equipos de medición e nas consideracións persoais baseadas na experiencia dos técnicos”. Isto sucede porque os datos non se tratan estatisticamente e a consecuencia é que moitos dos episodios contaminantes pasan desapercibidos. “O método que propoñemos”, apunta Sancho, “serve para control en tempo real, polo que se converte nunha poderosa ferramenta de control preventivo”.

Te puede interesar
Más en Universitas