UNIVERSITAS

Novo pulo á investigación no ámbito do desenvolvemento sostible

g12_result
photo_camera Xavier Labandeira, Manuel Menéndez, José Manuel García Vázquez e Alberto Gago durante o acto de presentación.

Universidade e Cátedra Gas Natural Fenosa traballarán conxuntamente en diferentes aspectos relacionados coas  enerxías renovables e organizarán un acto anual de divulgación

A Universidade de Vigo segue a camiñar da man coa Cátedra Gas Natural Fenosa (GNF) na procura dun desenvolvemento sostible con novos proxectos sobre a mesa. Nos vindeiros meses, esta alianza servirá para afondar na investigación en economía da enerxía e do medio ambiente coa incorporación dun investigador de posdoutoramento especialista en economía e coa cooperación multidisciplinar entre o grupo REDE con outros equipos de investigación como EPhysLab, que fará as súas achegas dende o campus de Ourense. Para poder difundir todos os avances acadados, tanto entre o tecido empresarial como á sociedade en xeral, Universidade e cátedra organizarán tamén un evento anual en Vigo ou en Ourense enfocado á transferencia do coñecemento neste eido. En ambas actividades colaborará o Centro Internacional de Excelencia Hidráulica (CIEH) de GNF, que ten a súa sede na Cidade Tecnolóxica de Vigo.


Estes novos proxectos déronse a coñecer durante o acto de apertura da oitava edición do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible (MXDS), "tamén respaldado economicamente pola Cátedra GNF", como explicou o vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García Vázquez, durante o acto de inauguración, no que estivo acompañado polos codirectores da cátedra e coordinadores do mestrado, Xavier Labandeira e Alberto Gago, e polo director de Hidráulicas e do CIEH de Gas Natural Fenosa, Manuel Menéndez.

Te puede interesar
Más en Universitas