UNIVERSITAS

A pintura de Almudena Fernández non entende de lenzos nin de límites

gal2_result
photo_camera A profesora Almudena Fernández Fariña.

A profesora repasa no libro 'Pintura site' as súas intervencións artísticas en espazos

Desde hai moitos anos, aínda que formulase a miña pintura dentro dun cadro, sempre había nela unha vontade de romper o límite, de rachar co bastidor”, recoñece a profesora da Facultade de Belas Artes Almudena Fernández dos tempos nos que a súa obra pictórica aínda se enmarcaba no “sentido convencional do termo”. Ata que en 2002, esa necesidade de rachar cos marcos provocou que “desaparecen os límites do cadro e a pintura continuase na parede”. Un mural para unha exposición no Centro Torrente Ballester de Ferrol converteuse na primeira das sucesivas incursións de Fernández Fariña na pintura para espazos específicos, sobre a que, máis dunha década despois, reflexiona en Pintura site, un libro que reúne 17 das intervencións que nestes anos realizou nos muros de museos ou galerías.
“Realmente foi algo progresivo, polo tipo de composición, polos formatos a grande escala cos que traballaba, sempre houbo esa vontade de envolver o espazo”, lembra Fernández Fariña do proceso que a levou “prescindir do soporte intermediario, o cadro” e centrar o seu proxecto artístico no que se coñece como site-specific, a arte efémera creada para un espazo concreto e nun espazo concreto. Lembra tamén esta profesora que foi co gallo dunha exposición individual, comisariada polo crítico David Barro, na que por primeira vez rematou "pintando a parede”, e por ese motivo o prólogo do libro que vén de publicar coa editorial Dardo e que foi presentado na feira de arte contemporánea Arco, "non podía ser doutra persoa que do propio David Barro".
A través das imaxes e o relato de como se xestaron as 17 intervencións que se recompilan en Pintura site, Fernández Fariña traza neste libro unha “reflexión sobre como chego ata aquí, sobre como cambia a miña concepción da pintura para comezar a pensar nela a partires dos espazos”. Non en van, relata, cada unha das obras que se inclúen neste obra “son pezas dependentes do lugar”, dun espazo que “dá as pautas da intervención”, o que implica unha análise e reflexión previa que non só se limita “aos aspectos formais, senón que tamén interveñen cuestións que teñen que ver coa memoria ou coa funcionalidade do lugar”.

Te puede interesar
Más en Universitas