UNIVERSITAS

O Plan TIC de primaria e secundaria, papel mollado

gal1c_result
photo_camera Aula con ordenadores nun centro de ensino ourensán.

Elena Añel analizou na súa tese de doutoramento a aplicación dos documentos obrigatorios

nnn No ano 2007 publicouse a normativa que obriga aos centros galegos a elaborar un Plan de Introdución (para educación primaria) e Integración (para a educación secundaria) das Tecnoloxías da Información e a Comunicación. É o chamado Plan TIC, un documento destinado a articular e promover o uso das tecnoloxías na aula.

Despois de oito anos de aplicación e en momentos de cambios normativos, a docente Elena Añel analizou na súa tese de doutoramento como foi o desenvolvemento e aplicación desta medida. “Os Plans TIC resultan ser documentos elaborados en función da normativa pero pouco adaptados á realidade de cada aula e de difícil acceso en xeral para a comunidade educativa. A gran conclusión do traballo é que existen demasiados condicionantes arredor da súa elaboración e aplicación e que fan que a gran maioría deles dependan da boa vontade do profesorado”, sinala a investigadora ourensá.

A tese, titulada O Plan TIC no ensino obrigatorio: análise dun lustro, foi dirixida pola docente Manuela Raposo e presentada en galego na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. Para a investigación, Elena Añel recolleu información de equipos directivos e dinamizadores TIC dos centros educativos de Ourense e realizou unha análise de contido das páxinas web dos centros e dos propios plans. Froito deste traballo, a tese ofrece unha avaliación destes documentos, da súa implantación, dos condicionamentos da súa posta en marcha, do uso webs dos centros e do papel dos dinamizadores e dinamizadoras TIC, entre outros aspectos.

Te puede interesar
Más en Universitas