A TESE

A poboación atlántica de pescada recupérase dos efectos da sobrepesca

José Cuéllar aplicou na súa tese marcadores xenéticos na definición do stock pesqueiro

Desde os seus inicios a xestión da industria pesqueira non foi deseñada de maneira sostible e hoxe en día a maioría das especies mariñas comerciais están sobreexplotadas. Fronte a esta realidade, de sobra coñecida, as autoridades europeas foron adoptando diferentes medidas para garantir a explotación responsable dos recursos mariños e pór fin aos problemas de sobrepesca nas augas europeas.

O camiño iniciouse hai xa uns anos e os resultados das diferentes medidas adoptadas comezan a palparse, a poboación atlántica de pescada estase a recuperar dos efectos da sobrepesca e, tras acadar un índice mínimo en 2004 con 300 reprodutores no Caladeiro Noroeste da península Ibérica, esta cifra multiplicouse ata acadar na actualidade os 5000 reprodutores efectivos, “é dicir, 5000 individuos que realmente contribúen cos seus xenes á seguinte xeración”, explica José Cuéllar, investigador do Laboratorio de Recursos Xenéticos Mariños, autor dunha tese de doutoramento na que aplicou os marcadores xenéticos para afondar no estudo do stock pesqueiro e na avaliación dos efectos da sobrepesca sobre a estrutura e tamaño efectivo das diferentes poboacións.

No caso da pescada europea, ao longo da última década implementáronse diferentes medidas para frear o deterioro e fomentar a súa recuperación. Co fin de avaliar a evolución da diversidade molecular fronte aos procesos de sobreexplotación desta especie, o equipo de investigadores e investigadoras deste laboratorio vigués analizou varios marcadores moleculares en diferentes series temporais (1976, 2000-2005 e 2007) e comparou estes datos coa situación actual.

Os resultados non deixan lugar a dúbidas, a poboación estase recuperando e as principais medidas que contribuíron a esta mellora foron “o aumento do ollo da malla nas artes de pesca e a diminución das cotas de pesca”, explica o autor da tese, que fai fincapé en que os datos xenéticos da pesquería sur tamén están de acordo co modelo de conectividade demográfica en todo o Atlántico proposto por este laboratorio e cuxo foco de radiación sitúa as principais zonas de desove no Porcupine Bank (a uns 200 quilómetros do noroeste de Irlanda) e no Gran Sol, unha zona que destaca pola súa riqueza pesqueira, especialmente no que a pescada se refire.

Toda esta información xenética recollida na tese de doutoramento de Cuéllar acerca da estrutura xenética poboacional da pescada europea permite entender mellor as limitacións dos modelos demográficos e, á súa vez, é clave para avaliar os riscos de extinción por factores xenéticos, permitindo incorporar criterios de estruturación e diversidade xenética na xestión e, desta forma, “prever o deterioro das características físicas desta especie e garantir, polo tanto, a súa sustentabilidade e a das especies dependentes”, recalca Cuéllar.

Te puede interesar
Más en Universitas