MITEU

Preparados para unha viaxe polo mundo da Miteu

A cita traerá aos escenarios da cidade 34 espectáculos de nove países

Cada primavera no panorama cultural ourensán é tempo de Miteu. A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense celebrará do 15 ao 30 de abril a súa XXI edición traendo aos escenarios da cidade 34 espectáculos de compañías profesionais e afeccionadas de nove países. Un ano máis o campus de Ourense terá un protagonismo especial nesta cita, non só por ser unha das entidade que a financia senón tamén e sobre todo porque actuarán as súas catro aulas de teatro e a de danza universitaria e porque acollerá varias das representacións e actividades formativas que se celebrarán.

A presentación da programación da XXI edición da Miteu tivo lugar no Teatro Principal coa participación do seu director Fernando Dacosta, e representantes das institucións implicadas na súa organización. “A universidade é un foco dinamizador clave nunha cidade e nesta tamén”, salientou Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, sobre o compromiso do campus con esta mostra. O vicerreitor destacou na “aposta da Universidade pola actividade e a diversidade cultural” e no caso das artes escénicas pola formación a través das súas catro aulas de teatro universitario que xa contan cunha longa traxectoria. Esta nova edición da Miteu, recalcou Jesús Vázquez, converterá a Ourense “na capital do teatro galego”, ofrecendo unha programación “colorida e dinámica” que intenta cada ano superarse.

Te puede interesar
Más en Universitas