Recoñecemento aos piares que sustentaron 20 anos de historia

No outono de 1994, o antigo Fogar Provincial de Pontevedra acollía ás primeiras clases da licenciatura en Publicidade e Relacións Públicas

No outono de 1994, o antigo Fogar Provincial de Pontevedra acollía ás primeiras clases da licenciatura en Publicidade e Relacións Públicas, nos que eran os primeiros pasos dunha facultade, a de Ciencias Sociais e da Comunicación, que hai uns días celebrou os seus 20 anos de historia efectuando un recoñecemento “aos catro piares que sosteñen este centro”, como apuntou a súa decana, Emma Torres. Os preto de 3.000 alumnos que a longo de dúas décadas deixaron no centro “gratos recordos e grandes ideas”, o profesorado, o persoal de administración e servizos e aquelas empresas e institucións que acolleron aos profesionais formados no centro foron os protagonistas do acto institucional co que a facultade botou a vista cara o pasado.

Nun acto sen conferencias maxistrais nin mesas presidenciais e que pretendía “facer ver ao público un pouco como facemos as cousas nun centro marcado pola creatividade”, Ciencias Sociais e da Comunicación quixo poñer en valor o labor realizado “por toda a xente que colaborou para a que a facultade estea no punto que está logo de 20 anos”, salientou Torres. Non en van, este centro convertíase hai unhas semanas no primeiro de Galicia en acreditar as súas titulacións, ademais de ser "a segunda facultade da Universidade que máis alumnos Erasmus recibe e de manter a súa demanda nestes tempos complexos, xa que logrou pechar a matrícula de todas as súas titulacións”, como salientou Torres nunha xornada dedicada a facer balance da historia dun centro co que milleiros de persoas manteñen “unha vinculación para sempre, xa que unha vez pasas por aquí, non o esqueces”.

Estas verbas serviron ao vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, para propor no peche deste acto unha “viaxe no tempo” para recordar os inicios dunha facultade que, dúas décadas despois, segue formando nas súas aulas a “comunicadores polivalentes”. Non en van, Corbacho non só interveu neste acto en calidade de vicerreitor ou de ex-decano, senón tamén como alumno da promoción coa todo comezou hai agora 20 anos. Pero ademais de lembrar o pasado, o vicerreitor tamén quixo mirar ao futuro, xa que “Pontevedra é hoxe máis que nunca unha cidade universitaria, con preto de 4000 alumnos, 28 títulos e un campus que avanza con paso decidido cara a especialización, grazas ao proxecto do Campus Crea, no que esta facultade debe xogar un papel protagonista”, salientou.

Te puede interesar
Más en Universitas