UNIVERSITAS

Como reducir ao 50% o risco de diabetes

inestigacc_result
photo_camera Ramón Hermida, no centro, acompañado por José R. Fernández e Artemio Mojón.

Os estudos do Laboratorio de Bioenxeñaría e Cronobioloxía da Universidade confirman os beneficios de tomar medicamentos para a presión arterial antes de durmir

Demostraron que o único factor que determina o risco cardiovascular real dun paciente é a súa presión arterial durante a noite e, por iso, a medicación antihipertensiva debe administrarse sempre á hora de deitarse, algo que está a revolucionar a nivel internacional a forma de entender e tratar a hipertensión, pero os resultados das súas investigacións lévaos agora a dar un paso máis, ata o punto de poder confirmar que tomar a medicación para a presión arterial antes de durmir non só diminúe as posibilidades de sufrir un ictus ou unha insuficiencia cardíaca, senón que tamén reduce á metade o risco de desenvolver diabetes tipo 2. Falamos dos últimos resultados de investigación acadados polo Laboratorio de Bioenxeñaría e Cronobioloxía, dirixido polo catedrático Ramón Hermida, que saen á luz coa publicación de dous artigos en Diabetoloxía, a revista da Asociación Europea para o Estudo da Diabetes, que non dubidou en emitir un comunicado dando conta duns achados que poden modificar de maneira substancial as actuais recomendacións das principais guías sanitarias.


Dada a dimensión da investigación os resultados foron publicados en dous artigos separados asinados polos investigadores Ramón Hermida, Diana Ayala, Artemio Mojón e José Ramón Fernández. “Para nós era básico que ambos artigos se publicasen de maneira conxunta, pois só así se pode obter unha visión completa”, explica o director do laboratorio, cara visible do proxecto Hygia, un traballo nacido hai máis de oito anos froito da colaboración entre a Universidade de Vigo e o Sergas e do que na actualidade forman parte 40 centros de saúde de toda Galicia e máis de 290 investigadores que fixeron un seguimento durante máis de seis anos a preto de 18.000 pacientes.


No primeiro artigo os investigadores demostran que a redución da presión arterial durante as horas de sono representa en si mesma un obxectivo para previr novos casos de diabetes e, no segundo, afondan en se o tratamento con medicación antihipertensiva ao deitarse exerce unha maior redución no risco de diabetes de nova aparición que a terapia con todos os medicamentos ao espertar.


“Demostramos que a presión arterial durante o sono é un preditor significativo e independente do risco de desenvolver diabetes, o que significa que predí o risco con independencia doutros factores que tamén inflúen, como pode ser a idade ou a glicosa, a principal variable que se emprega para saber se unha persoa é ou non diabética”, explica Hermida e fai fincapé en que na investigación amosan como “con independencia de como teñas os niveis de glicosa, a presión nocturna condiciona o risco de desenvolver diabetes”. Para chegar a esta conclusión os autores fixeron un estudo aleatorio de máis de 2.656 pacientes hipertensos sen diabetes dunha media de idade de 53 anos. Divididos en grupos a cada un deles asignóuselle ao azar inxerir a medicación prescrita para a hipertensión ao espertar ou a dose diaria enteira dun ou máis deles antes de deitarse para, posteriormente poder avaliar o desenvolvemento da diabetes de nova aparición.

RESPALDO
Co paso dos anos o respaldo a Hygia chégalle tamén en forma de premios, tanto a nivel nacional como internacional. Neste caso, só nos últimos meses recibiron o Premio Alberto Ferrari ao mellor traballo de investigación presentado no 25 Congreso Europeo de Hipertensión e Protección Cardiovascular, celebrado en Milán, e tres dos doce traballos premiados na reunión anual da Sociedade Americana de Hipertensión, celebrada en Nova York, eran tamén de investigadores de Hygia.

Te puede interesar
Más en Universitas