BIOMATERIAIS

Os segredos dos biomateriais ao alcance de todos os públicos

A Rede Galega de Biomateriais lanza un MOOC na plataforma de Campus do Mar

Os biomateriais representan unha verdadeira revolución no campo da medicina, grazas á súa capacidade para rexenerar tecidos danados con aplicacións que xa son unha realidade na práctica clínica. De cara ao futuro, as expectativas son case ilimitadas e convén familiarizarse con elas, dado que estes materiais avanzados terán un uso xeralizado en doenzas tan comúns como as reumatolóxicas. Co obxectivo de ofrecer este coñecemento de xeito accesible a calquera, mesmo sen formación especializada, a Rede Galega de Biomateriais (RGB) activa o día 30 de marzo un curso online na plataforma de formación aberta do Campus do Mar. A inscrición neste MOOC (cursos masivos abertos online) é gratuíta e permanecerá aberta ata o día do comezo do curso. Neste momento están xa inscritas máis de 200 persoas non só de toda España, senón tamén de Latinoamérica.

Os contidos do curso Biomateriais: do concepto á clínica ofreceranse a través de vídeos curtos de estilo divulgativo que estarán dispoñibles durante un mes para que o alumnado acceda a eles de xeito libre e acorde á súa dispoñibilidade. Neles explicarase que a rexeneración de tecidos, ósos, articulacións e órganos son aspectos relacionados coa medicina do futuro e a mellora da calidade de vida, e os biomateriais revélanse como a mellor ferramenta para facela realidade. Mediante a súa implantación no organismo, estes materiais avanzados logran interaccionar cos tecidos danados e estimulalos para que se rexeneren.n

Te puede interesar
Más en Universitas