UNIVERSITAS

Cinco semanas para fomentar a concienciación viaria en Pontevedra

A Vicerreitoría colabora con Concello, Policía Local e DGT nun progarma de sensiblización

No ano 2014, faleceron en España, a consecuencia de accidentes de tráfico, un total de 138 mozos e mozas de entre 15 e 24 anos, o que supón o 9% do total de vítimas mortais rexistradas no conxunto do Estado. Estatísticas como estas poñen de relevo a importancia de formar e informar á mocidade das “implicacións dunha irresponsable convivencia viaria”, como sinalou o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, na presentación de Cero Violencia Viaria (0VV), o programa de sensibilización que Dirección General de Tráfico, Policía Local, Concello e Vicerreitoría desenvolverán en diferentes puntos do campus ao longo de cinco semanas, co propósito de concienciar dos riscos da condución e reducir a chamada “violencia viaria”.

Unha serie de mesas de debate, que se desenvolverán nas facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e de Ciencias da Educación e do Deporte, xunto cun simulacro de accidente, a presentación de modalidades deportivas dirixidas a persoas con discapacidade e outra serie de actividades integran o programa dunhas xornadas que darán comezo o 14 de outubro e que se desenvolverán no campus nas tardes dos mércores ata o 11 de novembro. Xornadas que este venres foron presentadas en rolda de prensa polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; a xefa provincial de Tráfico, María Isabel Alonso; o intendente xefe da Policía Local, Daniel Macenlle, e o vicerreitor de campus, que coincidiron á hora de sinalar a importancia de “dar un paso adiante” en materia de concienciación viaria, focalizando durante cinco semanas o labor de educación e concienciación “nos condutores do futuro”, como sinalou o alcalde.

Colectivo vulnerable

Aínda que as actividades inseridas no programa de 0VV están abertas a toda a cidadanía, os alumnos e alumnas universitarios constitúen o principal destinatario dunhas xornadas de sensibilización que, como salientou Macenlle, permiten “atacar un sector especialmente vulnerable como é o universitario”. Non en van, no campus pontevedrés, como apuntou Corbacho, “estudan preto de 4000 persoas que son público potencial deste tipo de iniciativas”, dirixidas a concienciar de que a condución “é unha tarefa que require poñer en práctica valores como a responsabilidade, a solidariedade e o respecto”, como engadiu a responsable da DGT.

Te puede interesar
Más en Universitas