Transformar a tradición para innovar o discurso creativo

ex2_result
photo_camera Cristina Varela e Lola Dopico, comisarias da exposición.

Casa Galega da Cultura acolle ata o 18 de xaneiro a  mostra 'Memoria e identidade no laboratorio da moda'

A procura de certa esencialidade, dos modos de facer, de construír, os oficios, materiais e a identidade están a xogar un papel fundamental no deseño actual, que vive envolto nun tempo de crise e de reflexión. “Atravesamos a grande estepa da deslocalización e a homexeneización global, a disolución da identidade, que trouxo da man unha perda importante de crédito nos obxectos postos en circulación”, reflexiona Lola Dopico, directora de Esdemga e, xunto con Cristina Varela, comisaria da exposición Memoria e identidade no laboratorio da moda. Experiencias didácticas no territorio da creación plástica que abriu as súas portas na Casa Galega da Cultura de Vigo.

Na mostra, acibeche e agremáns, torques, ourivería, antropoloxía e mesmo elementos tan propios da cultura galega como Sargadelos e os santos Antón e Martiño, son reinterpretados por unha ducia de artistas, formados en Esdemga e na Facultade de Belas Artes, que amosan as súas pezas a través das que propoñen un certo imaxinario común, ás veces a través de formas esenciais e outras utilizando elementos máis ficticios. Así, Marta Domínguez, Yeray Suárez, Javi Nogueira, Alicia Rea, Sheila Pazos, Julia Soutullo, Carlota Pérez, Noemí López, Elsa Díez, Olalla Osorio, Eduardo Outeiro e Laura García, ofrecen un repertorio de formas, siluetas, cores e texturas que asociamos ao denominado tradición, e que formando parte do imaxinario común pretenden profundar nas posibilidades da súa transformación, destilando o seu discurso creativo a partir destes signos/formas herdados.

Segundo explica Dopico, nas pezas presentes na exposición “observamos o froito dunha investigación que rastrexa a utilización de formas tradicionais na produción de deseño contemporáneo en Galicia, a través da observación de diferentes casos de estudo, tanto na construción de pezas como no desenvolvemento de propostas gráficas aplicadas”. Trátase en definitiva de prototipos e ensaios formais que están a propor conclusións diversas cun forte carácter identitario, marcado pola interrelación coa artesanía local, e por unha intención e innovar partindo das formas tradicionais e tamén enmarcada nun discurso sobre a sustentabilidade, entendida esta en termos éticos, económicos e ambientais.

Te puede interesar
Más en Universitas