PROXECTO

A Universidade pon o seu gran de área por un porto máis verde

photo_camera Investigadores de Campus do Mar e Intmati participaron no proxecto

Investigadores do Campus do Mar e de Itmati participan no proxectoGreen Port Energy Center

Un sistema pioneiro a nivel mundial con selo galego e no que tamén participaron investigadores da Universidade de Vigo. Presentouse no Porto de Vigo o proxecto Green Port Energy Center, unha iniciativa dun consorcio de empresas e institucións para crear un sistema de xeración de enerxía para subministrar a barcos atracados e reducir as emisións. Trátase dun contedor móbil de Gas Natural Licuado en cuxo deseño participaron, xunto con outras entidades, investigadores do Campus do Mar e do Itmati, Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, do que forman parte grupos de I+D das universidades galegas. O prototipo deste contedor, que se testará no buque do CSIC Sarmiento de Gamboa, proporciona electricidade e aire quente e frío ás embarcacións no porto, evitando así que estas teñan acesos os motores.

Detrás do proxecto Green Port Energy Center está un consorcio formado polas empresas Internaco, Key Plan, Vicus DT, Inabensa, Emenasa e Inova, así como o Campus do Mar e o Itmati. Todos eles traballaron xuntos durante preto de dous anos cun orzamento de 1.8 millóns de euros e ao abeiro do programa Interconecta, que procura sinerxías entre empresas e organismos de investigación.

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, participou no acto de presentación xunto co presidente da Autoridade Portuaria, Ignacio López Chaves e destacou que “Green Port Energy Center non fai senón reforzar a aposta de Vigo e de Galicia pola innovación e a eficiencia enerxética, consolidando o liderado do Porto de Vigo neste ámbito”. Conde subliñou as dimensións económica e ambiental da iniciativa. Sobre o primeiro deses ámbitos, o conselleiro destacou que o deseño do colector de gas natural impulsará a competitividade dos portos galegos, empezando polo Porto de Vigo, que “reforzará o seu atractivo a tráficos de todo tipo”. Ademais, o conselleiro salientou que o Green Port Energy Center reforzará a eficiencia económica de armadores e consignatarios, reducindo os custos dos primeiros e facendo máis competitivos os segundos ao poder ofrecer mellores tarifas que os seus competidores. En canto ao segundo deses ámbitos, o ambiental, Conde incidiu en que este proxecto dá un paso máis no camiño de institucións e empresas cara a unha “economía descarbonizada”, impulsando a redución de emisións, e o incremento da eficiencia enerxética, xa que permitirá aos buques apagar os seus motores en porto, sen producir emisións de gases á atmosfera.

Te puede interesar
Más en Universitas