UNIVERSITAS

Xosé Teiga amosa a súa “Philosophia" no mundo do deseño gráfico

gal1-1-_result
photo_camera Ignacio Barcia, Xosé Teiga e J. Manuel Corbacho.

A exposición recolle os mellores traballos do artista galego e está aberta ata o 25 de abril.

"Aquí ensinaronme a voar, logo abandonei o niño e anos máis tarde regreso voando pero coa miña propia técnica", con esta imaxe significativa describe o deseñador gráfico e artista Xosé Teiga (Pontevedra 1972) que supón para el o regreso ao centro onde se formou. Teiga, graduado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, regresa cunha exposición dos seus mellores traballos na que plasma a súa forma de entender o deseño gráfico. A elección do título, Philosophia, débese, segundo sinala Teiga, "a unha inquietude que me acompañou sempre: a necesidade de xerar unha filosofía de traballo propia". A exposición inaugurouse o pasado xoves coa presenza do artista, que estivo acompañado polo vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho e o coordinador da Sala X, o profesor Ignacio Barcia. Para esta mostra, Teiga seleccionou 66 conceptos traducidos ao latín que definen o seu método de traballo e son, ao mesmo tempo, o seu motor creativo.

A Sala X da Facultade de Belas Artes toma así o relevo da sala de exposicións da Universidade Politécnica de Valencia no campus de Gandía e acolle ata o vindeiro 25 de abril esta selección dos mellores traballos nos que Teiga amosa en que está traballando e cales son as súas inquedanzas. Con respecto da exposición de Gandía introducíronse algunhas novidades, pois segundo explica o artista, ao tratarse de facultades diferentes, "adaptei a exposición dándolle nesta ocasión máis protagonismo ao deseño gráfico vinculado coa investigación artística".

A clave do éxito de moitas marcas pasa por ter unha imaxe corporativa única, atractiva para os consumidores, que a sitúe por riba da súa competencia. Xosé Teiga, cunha formación tanto en artes plásticas como audiovisuais, foi quen, como explica a comisaria da exposición Sofía Escudero, “de sintetizar a personalidade da empresa a través dun concepto de deseño nítido e concreto que non dubida de impregnar de expresión e emoción se o proxecto co que traballa así o require”. Sofía Escudero salienta dos seus traballos a coidada tipografía "que produce ritmos e variación impregnadas de son e contido", xunto co emprego experimental de materiais e soportes "que amplifican a bidimensionalidade natural de deseño gráfico". O resultado final é unha obra creativa na que o eixo é a reflexión sobre a natureza do deseño como obxecto.
Philosophia vai máis aló dunha simple presentación de traballos, xa que en todo o percorrido pola mostra está implícito unha reflexión sobre a metodoloxía creativa.

Te puede interesar
Más en Universitas