O programa 'De perto' inclúe propostas escénicas, audivisuais e musicais

O Barco aposta por artistas locais para animar o verán

O concelleiro de Cultura, Eduardo Ojea, e o alcalde de O Barco, Alfredo García, durante a presentación. (Foto: J.C.)
O Concello de O Barco porá en marcha este verán o programa 'De Perto?Espazos de cultura no Barco', cun total de oito propostas escénicas, audiovisuais e musicais a celebrar entre os días 28 de xuño e 18 de xullo de 2013. Un programa que pretende mostrar o traballo de artistas de O Barco, 'en espazos acolledores e non habituais para estes usos', segundo sinala o alcalde de O Barco, Alfredo García.
O programa inclúe actuacións musicais do Cuarteto de Saxofóns do Barco, Grupo de Corda e Coro de Cámara, todos eles vencellados coa Escola de Música e o Conservatorio do Barco. Tamén ofrece unha nova oportunidade para coñecer as tres montaxes teatrais que desenvolveu o grupo Gargallada Teatro na presenta temporada. Nos eidos do audiovisual presentase unha sesión co título de 'Mulleres, memoria e desmemoria' con dúas películas significativas: 'Anacos', do realizador barquense Xacio Baño, que recibiu numerosos galardóns e que propón unha reflexión sobre a memoria da nai cando os fillos deixan o fogar, e 'Piedad' do director lalinense Otto Roca, que acaba de ser estreada e que fala da memoria da aldea.

Lembrarase o 25 aniversario da rodaxe en Valdeorras de 'Sempre Xonxa', un fito na cinematografía galega (unha rúa do barrio das Casas Baratas leva o nome do seu director, Chano Piñeiro), e o 150 aniversario de 'Cantares Gallegos', 'unha ocasión que aproveitaremos para montar un diálogo poético entre Rosalía de Castro e Florencio Delgado Gurriarán, cando se cumpren 110 anos do seu nacemento, coa colaboración da xente do teatro e da música', sinala o concelleiro de Cultura, Eduardo Ojea. Finalmente unha pequena exposición mostrará información sobre os sete espazos.

Te puede interesar