O TEMPO

Carballeda de Valdeorras rexistra a temperatura mínima de Galicia, con -9,5ºC

En canto ao estado das estradas na mañá deste mércores, fontes da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) destacaron a "normalidade" na rede viaria galega xeral após os problemas ocasionados pola neve, o xeo e o vento o martes

O municipio de Carballeda de Valdeorras (Ourense) rexistrou na mañá deste mércores a temperatura mínima de Galicia, con -9,5ºC nunha xornada na que varias provincias, entre elas a de Lugo, teñen aviso de risco por temperaturas mínimas.

Segundo os rexistros de Meteogalicia até as 10,00 horas, recollidos por Europa Press, as mínimas máis significativas da Comunidade galega corresponderon a municipios ourensáns con altitude maior de 900 metros como Carballeda de Valdeorras (-9,5º), Manzaneda (-8,9º) e A Veiga (-8,7º), así como ao lucense de Pedrafita do Cebreiro, con -7,1ºC.

Tamén os valores mínimos máis destacados en localidades con altitude menor de 900 metros corresponderon a concellos ourensáns como Baltar (-6,3º), Calvos de Randín (-6,1), Verín (-4,1), Viana do Bolo (-3,7) e Riós (-3,5).

Estradas

En canto ao estado das estradas na mañá deste mércores, fontes da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) destacaron a "normalidade" na rede viaria galega xeral após os problemas ocasionados pola neve, o xeo e o vento o martes.

Non entanto, mantéñense avisos puntuais de circular con precaución na estrada LU-633 ao seu paso por Pedrafita do Cebreiro (Lugo), así como na OU-122 en Casaio (Ourense), onde segue prohibido o paso a camións e vehículos articulados.

Te puede interesar