valdeorras

Santos-Estévez: "Cremos que Pala das Cabras foi un lugar sagrado no que habería ritos"

El arqueólogo Manuel Santos-Estévez
photo_camera El arqueólogo Manuel Santos-Estévez, en O Barco. (J.C.)

O doutor en Historia realizou unha presentación sobre o achado das pinturas rupestres en Casaio

O achado das pinturas rupestres de Casaio (Carballeda de Valdeorras) por investigadores de Sputnik Labrego e Estela Arqueoloxía, axudados polos vecinos, despertou un interese inusual. Poido observarse na multitudiaria asistencia á presentación que o doutor en Historia Manuel Santos-Estévez realizou en O Barco para o Instituto de Estudios Valdeorreses.

Cal é a importancia do achado?

Se pode falar da importancia por dous factores: Pala de Cabras é o terceiro punto con pinturas esquemáticas en Galicia; mais sobre todo, porque non é un abrigo calquera. Estamos ante un que posee unha riqueza iconográfica importante. Creo que está está por enriba da media dos da Península Ibérica. Estamos falando de 21 paneis.

Cantos ídolos oculados hai?

Ao principio, pensamos que había un. Estamos revisando as fotografías e aplicando filtros para observar mellor os detalles e poden ser un mínimo catro e ata seis ou máis.

Hai máis figuras, ademais dos ídolos?

O problema que temos agora mesmo, e creo que forma parte do interese do sitio, é que as figuras oculadas teñen unha variedade formal considerable. Pode ser que haxa figuras, como por exemplo dúas liñas, que formen parte dunha figura dun oculado. Por exemplo; hai unha figura que recorda a dunha árbore, mais hai oculados que teñen a forma do corpo igual. En principio, o motivo dominante serían os oculados, é o máis frecuente. Por iso digo que pode haber un número considerable deles, mais case con toda seguridade hai outras figuras tamén, e posiblemente, algunhas delas poidan ser máis antigas que os oculados. Poidan ser ata do Neolítico, de fai 6.000 anos. Isto quere dicir que temos un sitio, posiblemente, un santuario prehistórico, frecuentado  por unha serie de comunidades que, ao longo de varios milenios, foron engadindo sucesivamente figuras.

Tiña finalidade relixiosa?

Si. No sentido amplo do termo. Evidentemente, non podemos pensar no abrigo de Pala de Cabras como se fose unha igrexa, mais si como un lugar sagrado, onde moi probablemente terían lugar unha serie de ritos. Seguramente, estaría asociado a unha crenza, lendas, ou tradicións, que se foron perpetuando ao longo do tempo.

Que significado teñen os ídolos?

Non está claro. É moi difícil, nunha época tan remota, acceder ao significado. En todo caso, existe unha serie de factores que podemos atopar noutras sociedades etnográficas, con características sociais e culturais semellantes, nas que usan as covas como lugares de ritos de paso, para realizar cerimonias. Estas pinturas poden representar antepasados mortos, divinidades, seres mitolóxicos que nas súas crenzas habitarían nesas covas, que servirían de lugar de contacto ou comunicación entre eses seres míticos e eses seres reais.

Pode haber figuras noutros puntos da zona?

Haberá que ver. É necesaria unha prospección sistemática do sitio. A nosa intención sería facela, mais non contamos cun orzamento para desenvolvela. En canto o consigamos, serían necesarios tres traballos: unha prospección; unha valoración do estado de conservación e medidas urxentes a tomar para conservar as pinturas; e en terceiro lugar, unha escavación, por se apareceran evidencias de actividade.

Apareceron obxectos?

En superficie apareceron algunhas pedras traballadas, que podían estar relacionadas con algunha actividade da época das pinturas e unha escavación pode revelar moita máis información: cerámica ou carbóns, que permitan datar o momento de ocupación do sitio.

De onde proveñen as figuras?

As hipóteses actuais apuntan a que a orixe desta figura estaría no Sul. O lugar de maior concentración destas figuras está en Andalucía.

Está protexido o xacemento?

Agora mesmo non está protexido, por iso é necesario o estudio dun especialista en conservación destas pinturas, para saber que medidas se poden tomar. En principio, non se poden tocar as pinturas, hai que controlar as visitas.  Desaconsellamos que se visite de forma libre. Isto é o mínimo. Non sabemos se hai un proceso activo de erosión.

Por que Pala das Cabras?

Hai tres elementos no val do Bruña que coinciden no mesmo sitio e pola mesma razón: as pinturas, Cidade da Selva e a ermida de San Xil. É un lugar afastado, deshabitado. Un bo lugar para agocharse ou para ubicar lugares sagrados.

Te puede interesar