O pobo de Petín ultima os detalles da camiñata dende A Coruña

'As empresas poden revitalizar Mones'

Francisco Blanco mantén o programa da camiñata de 220 quilómetros para dar a coñecer e revalorizar Mones, en Petín.
O presidente do Club de Amigos de Mones, Francisco Blanco Rodríguez, aproveitou as vacacións de Semana Santa para rematar os trámites da súa legalización e ultimar a camiñata de 220 quilómetros entre A Coruña e o pobo petinés.

¿Está legalizada a asociación?

Onte, 25 de marzo, presentamos o acta fundacional no Concello de Petín para que o tramite. Aquí colleron a iniciativa con moito interés. O alcalde está moi implicado no tema.

¿Quenes promoven a campaña para reivindicar Mones?

O movemos nós dende A Coruña. Alí vivimos uns trinta veciños, pero tamén están os fillos e incluso os netos. Agora, coa Semana Santa, viñeron moitos ao pobo e todos están informados en todo o referido ao proxecto e á marcha a pé entre A Coruña e Mones. Algúns din que vanse cansar. Eu pensaba que ía aguantar, pero hai quen apunta que son unhas camiñatas que van ser imposibles para min. A idea segue adiante, incluso para mulleres que poden ter a miña idade.

¿Que acollida atopou a súa marcha?

Para nós foi unha sorpresa impresionante. Estánnos tratando moi ben. Non só o alcalde de Petín, tamén as entidades bancarias.

¿En que fase están os preparativos da marcha?

Estamos falando cos hoteis, pensións e albergues. Cando viñemos dende A Coruña a Mones, viaxamos pola estrada vella para contar con exactitude os quilómetros e observar como está a calzada. Hai zonas nas que non hai arcén e os preparativos van depender da xente que participe. Hai xóvenes que o farían enteiro, pero algúns traballan, anque din que os fins de semana se sumarán á marcha.

¿Canta xente participará?

Calculamos que en Mones haberá moita xente. No camiño, pensamos que irán un mínimo de vinte. Na etapa de Quiroga ata A Rúa serán máis e ¡xa non digo nada entre a vila ruesa a Mones. Vai ser coma unha peregrinaxe!.

¿Manteñen a súa intención de entrevistarse cos alcaldes?

No traxecto, temos a idea de que os alcaldes nos reciban, e de non poder ser, que nos atenda o concelleiro que lle corresponda.

¿É factible revitalizar Mones?

É factible, sempre e cando as empresas se interesen. A traverso de todas estas actividades é o que pretendemos. Mones ofrece moitos atractivos.

¿Cando é a camiñata?

Empezamos en A Coruña o 27 de xuño e o cinco de xullo remataremos en Mones. A festa será o sábado.

Te puede interesar