o carballiño

Excursión de alumnos da ESO do IES Número 1 a Portugal

O centro educativo tamén ofrece nestes días unha exposición sobre espazos naturais protexidos de Galicia

O IES Nº 1 do Carballiño ofrece desde o pasado 24 de abril e ata este viernes unha exposición programada polo departamento de Ciencias Naturais. Trátase dunha mostra sobre os espazos naturais protexidos de Galicia e ten como obxectivo fundamental que o alumnado coñeza e valore os espazos naturais galegos.

Ademais, dentro da programación extraescolar, o alumnado de 2º de ESO da materia de Portugués realizou unha excursión didáctica á cidade portuguesa de Bragança. As profesoras Nieves Abelleira, de Historia, e Ana Lousado, de Lingua Galega e Literatura, acompañaron aos alumnos na visita ao "Centro de Ciencia Viva de Bragança", visita guiada na que puideron contemplar unha exposición interactiva sobre medio ambiente, enerxía e tecnoloxía.

Posteriormente acudiron ao "Museo do Abade de Baçal", no que se dá a coñecer a historia relixiosa, social, política, económica e artística do noreste transmontano. Tamén realizaron unha ruta urbana a pé pola cidade para, posteriormente, visitar o "Castelo de Bragança", do século XV. A carón do castelo atópase a "Domus municipalis", edificio do século XII que é a casa do concello máis antiga de Portugal e un dos poucos exemplos de arquitectura civil románica na península Ibérica, segundo apunta a dirección deste centro educativo do Carballiño, que está a incidir na programación ao longo do curso de diversas actividades extraescolares.

Te puede interesar