ENTREVISTA AL ALCALDE DE VILARIñO DE CONSO

Ventura Sierra: “Hai un abandono importante dos gandeiros por parte da administración"

<p></p>
photo_camera Ventura Sierra Vázquez, alcalde de Vilariño de Conso.

O alcalde popular de Vilariño de Conso accedeu á Alcaldía por vez primeira en 1979

O alcalde popular de Vilariño de Conso, Ventura Sierra Vázquez, accedeu á Alcaldía por vez primeira en 1979. Eran outros tempos e outras siglas. Daquela gobernou nas filas do PSOE. Dende entón, e salvo dous parénteses de aproximadamente dous anos, en total, dirixiu sempre o Concello. Se ben, dende 1996 o fixo nas filas do PP. Na actualidade, preside unha Corporación formada por catro concelleiros populares e tres independentes.

Coméntase que busca sustituto para a Alcaldía. É certo?
Si. Xa levo moitos anos e agora estou xubilado. Hai que deixar paso á xente nova, con gañas de traballar, mais de momento non teño pensado en ninguén. Posiblemente, será o meu último mandato.

Que valoración fai de todos estos anos?
Unha valoración moi positiva. Vilariño de Conso pasou de non ter nada a case telo todo. Estou contento do traballo feito, de traballar para os veciños e en beneficio do Concello.

Que logros destacaría?
A residencia da terceira idade, de 75 prazas. Estamos pendentes de que nos informe Facenda, que nos autorice. Necesitamos que nos aproben o plan de viabilidade. Temos recursos pero necesitamos o plan de viabilidade e que nos autoricen a investir os cartos. Levamos anos porque houbo un atranco e fíxose un pouco difícil. Agora está no bo camiño.

A residencia é tan importante para o Concello?
Evidentemente. É a única expectativa que pode ter Vilariño de Consocomo concello rural. Debemos mirar pola xente maior e a xente nova, que esta poida ter un posto de traballo. É unha das maneiras de poder subsistir. Ademais, é unha das miñas manías: atender á miña xente.

Como ve o futuro do rural?
En xeral, o vexo moi negro porque non hai moitas expectativas. A xente nova non se adapta porque non hai un traballo digno e vaise a outros sitios buscando outro modo de vida. Ademais, está bastante abandonado.

Como se están a portar as Administracións con Vilariño de Conso?
Pórtanse ben, dentro dos recursos que hai.

E a oposición municipal?
A oposición, o propio nome a define. De momento, está facendo un labor bastante correcto.

Segue detrás de abrir un albergue municipal?
Seguimos. De feito, xa están instaladas a calefacción de caldeiras de biomasa. Estamos pendentes de montar as cociñas para poder sacalo a concurso. En maio ou xuño, podería estar listo.

En Vilariño, e no rural, leva moito tempo sacar os proxectos adiante. Por que?
Aínda que teñas recursos, as formas legais non facilitan executar proxectos. Estamos facendo o albergue de 35 prazas coa brigada do Concello. Aínda así, non están os tempos para correr.
Xa está aí o Entroido. Como se presenta este ano?
O Entroido sempre se presenta ben. É o forte da zona de Vilariño, Manzaneda e Viana. O organiza unha asociación e o Concello colabora todos os anos. Se quere recuperar a foliada, parecida ao teatro, con disputas e todo en verso. É onde se fai a crítica dos problemas da actualidade.

En Vilariño o levan no sangue.
Foi de sempre. Non sabemos nin de cando. Antigamente o Entrodo era distinto, pois antes era a única diversión que tiñas. Agora tes outras moitas.

Boa parte da economía xira en torno á gandería. Como está a situación?
Está fastidiada. Cando a economía non funciona, o gandeiro non vende. Está vendendo os produtos ó precio de fai vinte anos. Volvemos outra vez ó que se fala do medio rural: que ninguén di nada. Hai un abandono bastante importante por parte das Administracións.

O Concello recibe moitos ingresos das eléctricas, tamén xeran emprego?
En Vilariño de Conso, a fonte principal de ingresos son as eléctricas. A quen lle podes cobrar impostos aquí? As eléctricas estannos axudando. Emprego nas eléctricas? Agora todo é automático. Desde Madrid ou Bilbao tocan un botón e poñen unha central a funcionar. Excusan ter xente.

Aínda seguen sen conseguir un acceso ao parque natural do Invernadeiro, que está dentro do Concello de Vilariño?
Hai un parque natural e moita natureza, mais so con iso non se vive. Hai que ter moito máis. Estou de acordo en que hai que conservar. Non só o parque, tamén os montes. Hai que conservalos e cuidalos, mais hai que tentar sacar unha rendabilidade e, cando menos, que haxa uns postos de traballo, pois é do que vivimos. Ademais do parque natural está a Rede Natura, que cada vez nos complica máis as cousas. Temos o 87 % do término municipal en Rede Natura e so complica as cousas, como ao querer abrir un camiño nunha aldea. Aquí hai camiños de carro e agora hai tractores e maquinaria. Hai que empregalos. Hai un camiño e non o deixan tocar e unha terra máis que queda sen traballar. Que sucede despois, que ó quedar abandonada, ven o lume.

Como valora a súa  imputación por 28 contratacións de traballadores supostamente irregular?
Estou tranquilo, aínda que nunca se sabe. É un caso semellante ó de outros alcaldes, como o de O Barco. Son cousas que facían todos os concellos. É a única maneira de que a xente do Concello poida traballar. Aquí contratouse xente que valía e que ían noutras listas que non eran a do PP.

Te puede interesar