ENTREVISTA - POLÍTICA

Luis Castro: "O PSOE non me tratou como alcalde en ningún momento destes anos"

Luis Castro Álvarez, alcalde de San Xoán de Río.
photo_camera Luis Castro Álvarez, alcalde de San Xoán de Río.

O actual alcalde socialista de San Xoán de Río, Luis Castro Álvarez, ven de ser presentado polo PP para encabezar a candidatura popular para as Municipais 2019. As protestas do PSOE non se fixeron esperar, namentres que o candidato asegura non militar en ningún partido e facelo polo ben do pobo

Que motivo lle levou a aceptar encabezar a lista do PP?

Antes de nada, quero pedir disculpas aos veciños. Que non entendan que me quero ir do PSOE porque estamos nunha situación na que o partido non nos fai caso en ningunha das necesidades que o noso pobo reclama. Por outra parte, tamén quero pedir disculpas aos que non entendan que me encargasen facer unha lista no PP. Penso que esta forza ten as ferramentas e as axudas suficientes para o noso pobo, xa que o máis importante é o sostén do pobo.

O secretario provincial do PSOE, Rafael Villarino, criticou duramente a súa decisión.

O secretario provincial non me coñece nin a min, nin ao meu pobo: San Xoán de Río. Quérolle dicir que fai catro anos, unha ducia de veciños nos xuntamos para facer unha candidatura, sendo eu elexido para encabezala. Nunca estiven afiliado a ningún partido político e a lista foi montada horas antes do peche do prazo. Ao día seguinte, a levei á sede do PSOE a Ourense, xa que non nos ofreceran montar candidatura. O pobo elexiume alcalde e comprometinme a gobernar estes catro anos.

Que responde as queixas por "transfuguismo"?

O secretario falou de transfuguismo, mais non hai, pois eu non marchei do PSOE para gobernar con outro partido nesta lexislatura. Pídolle que rectifique e creo que debía de preocuparse do seu partido. Chegou fai un ano e non aportou ningunha nova iniciativa. Ocupou un sillón baleiro e non se preocupou nin de saber onde estabamos os alcaldes do partido. Na miña opinión, a súa actitude paréceme dun gobernante dictador.

Villarino lle pide que se abandone?

Si. Pide que me vaia, mais non o vai conseguir xa. Penso rematar os catro anos desta lexislatura. Vou seguir gobernando para os meus veciños na mesma dirección. Eles foron os que me puxeron aí e serán os que elixan a quen votar.

Como foi para un alcalde socialista dirixir o Concello nunha autonomía gobernada polo PP?

Foi difícil porque as axudas foron mínimas toda a lexislatura. Eu presentei memorias e proxectos e non saiu adiante ningún a pesares das necesidades que ten o pobo, tanto en saneamento, reposición do firme ou estradas. Tamén falta maquinaria. Temos moi pouca. Para que queremos un ou dous obreiros no Concello se non temos ferramentas!

E do PSOE, recibiu axuda?

Ningunha. Non se me tratou como alcalde en ningún momento. Pasaron catro anos e non se preocuparon por nada..., se se cambia a lista se modificamos algo, nada. Pensan que como teñen a Alcaldía vai seguir e non é así. Hai que estar encima sempre. Pedínlle axuda en moitos momentos e non se me prestou.

Semella dar a entender que o PSOE únicamente se preocupou no momento das Municipais. É así?

Nin iso. É un partido que non se preocupa nin de formar candidatura. As súas preocupacións son mínimas.

Te puede interesar