ENTREVISTA DEL DÍA

"Resulta moi triste que os nenos non teñan nin idea da época da posguerra"

dsc04161_result
photo_camera Charo Álvarez Álvarez.

A barquense Charo Álvarez Álvarez é a autora da obra "Memorias dunha nena da Guerra"

Romper o silencio dos anos que seguiron ao golpe de estado de 1936 foi o obxectivo que se marcou a barquense Charo Álvarez Álvarez cando trasladou ao papel as vivencias da súa nai. Titulou o libro "Memorias dunha nena da Guerra".

Por que se decidiu a recoller nun libro a vida da súa nai?

Estiven dando clase para sustituir as mestras. Daquelas, tiñan un soldo bastante baixo e buscaban a alguén responsable para mandalo aos pobos. Estiven en San Vicente, Cesures ou Castelo, pagándome algo simbólico. Eu estaba encantada de estar coas mestras. A carreira a fixen despois, cando xa tiña catro fillos. Entón, unha emisora de O Barco tiña un programa que se chamaba "O rincón dos poetas" e deume por escribir poemas. Aí naceu a afección. Eu escoitaba historias moi tristes da Guerra á miña nai e a avoa, que miraba aos lados antes de dicir nada. Convivín coa historia negra do que lle fixeron os golpistas á xente que votou á República. Díxenme que, antes de que morra a miña nai (Josefa Álvarez Quiroga, de  95 anos) tiña que contalo e a ela lle gustou que se transmitira.

O libro está en galego. Que opina desto a protagonista?

Quería que se fixera en castelán, pois dicía que as súas amigas non sabían ler ben o galego. Eu plantexei que quizais máis adiante. A lingua hai que potenciala e lle comentei que se ti pensas en galego e eu tamén, entón imos facelo en galego.

Falenos da súa nai.

Como meu avó votou a un avogado rebublicano, que despois mataron, empezou unha persecución. As había en tódolos pobos pequenos e aldeas. O meu tío maior estaba en Madrid, na defensa da capital, e meu outro tío, que tiña 17 anos, cando viu que comezaban a disparar en todas partes botouse ao monte. Non tiña gañas de ir á guerra e, ademais, iría contra o seu irmán. Entón oíanse cousas terribles, que collían nenas e as levaban e violaban. A miña avoa, maquinou que tiña que sacar as fillas da casa, pois tódolos días aparecían por alí a buscar aos meus tíos. As raparon cando tiñan entre 13 e 16 anos. Lles fixeron esa humillación, e decidiu mandalas a Lodosa (Navarra). A miña avoa tiña unha irmá con  moitos fillos alí e coincidiu que tamén estaba unha tía de Madrid, pasando as vacacións cunha filla pequena. Alí foi de coidadora das tres nenas. Traballaron como negras. A muller tiña moitos fillos e o home estaba na guerra. Para sobrevivir, ata traballou nunha panadería na que lle pagaban co pan para a familia. Fixo de todo.

Como viviu eses tempos?

Desde pequena, púxome a pel de pita todo isto. É como se tivese unha débeda. Eu fun profesora e gustábame moito a didáctica. Sempre pensei que a competición non favorece aos rapaces. Que é máis importante formarse que correr ou saltar máis. Eu fixábame en que os nenos do Bacharelato non estudaban nada da época da miña nai. Hai que descubrir todo isto, pois os nenos non teñen nin idea desa época. Resulta moi triste que non coñezan nada da época da posguerra.

Te puede interesar