ENTREVISTA

Sara Inés Vega: “Cos recortes, os Concellos asumimos prácticamente todos os servizos"

entre
photo_camera Sara Inés Vega Núñez, alcaldesa de Castro Caldelas.

A alcaldesa de Castro Caldelas preside unha Corporación formada por seis concelleiros do PSOE e tres do PP, despois da marcha de Eladio Osorio

A marcha do socialista Eladio Osorio da Alcaldía de Castro Caldelas deixou ó fronte de la súa tenente de alcalde, Sara Inés Vega Núñez. En maio os veciños ratificaronna no cargo, votando unha Corporación formada por seis concelleiros do PSdeG-PSOE e tres do PP.

Foi difícil o relevo de Eladio Osorio?

Accedín a Alcaldía trala dimisión do anterior alcalde, co que levaba traballando 16 anos. Logo fixemos as primarias e presenteime as eleccións. A xente de Caldelas deunos unha victoria moi sonada: seis PSOE e tres PP. Por 21 votos non tivemos o sétimo concelleiro. Síntome ilusionada, con moitas ganas e recompensada polo cariño da xente. É para sentirse orgullosa que uns votantes que, maioritariamente, votan outro partido noutras eleccións  me desen o apoio que obtiven. Faite sentir contenta mais cunha responsabilidade enorme.

Que valoración fai da política da oposición?

É bastante neutra, con poucas propostas. En todo caso nós apoiamos algunha proposta súa. Fai poucas, mais non temos empacho en apoialas se son positivas para o Concello. Non recibimos ese apoio nas nosas propostas. Tampouco votan en contra, pois seguramente non hai argumentos para facelo. O PP optou pola abstención. Eu, se estivese na oposición, non o faría. Non é a primeira vez que nos temos enfrontado ó noso partido, porque algún postulado chocaba cos intereses de Caldelas.

É difícil gobernar un concello do rural?

É difícil. Calquera problema, ben sexa de interese xeral ou particular termina vindo á min. Supón un peso moi grande na espalda. No plano de xestión, é difícil porque o Concello de Caldelas ten o mesmo tipo de servizos que pode ter calquera cidade. Cando fas un proxecto cóstache o mesmo traballo facelo para 5.000 que para 300.000 euros. Soamente varían as cantidades. Nós non temos os técnicos nin os asesores que teñen  concellos grandes. Por outra banda, polo tipo de transferencias. Coa política de recortes que hai, os concellos  estamos asumindo prácticamente todo. En Servizos Sociais temos nove auxiliares. Entendemos que non é so a xente que ten dependencia senon a que non a ten mais necesita ese servicio. Hai que asumir con fondos propios unha barbaridade de servizos. É o mesmo que o Grupo de Emerxencias Supramunicipal: contas que tes que aportar 50.000 euros e convírtense en máis do doble.

Que trato recibe Castro Caldelas das Administracións?

Non se portan demasiado ben. Levamos a política de contención de gasto a raxatabla, mais levamos esa política e temos que recibir transferencias suficientes para dar servicio á poboación. Temos que dar os mesmos que unha cidade dos esenciais e básicos. Temos que asumilos con moi poucos recursos propios.

O Concello está ben de estradas?

A rede viaria intermunicipal é moi ampla e custa moitísimo mantela. Imos facéndoo. Temos graves deficiencias polos produtos madereiros, pois deixan as estradas intransitables. O problema ven das comunicacións coa capital e coa Rúa  e Valdeorras. A estrada de A Rúa é terceiromundista. É intransitable para unha viaxe que non sexa particular, na que vas vendo a paisaxe. A comunicación con Monforte mellorou bastante e con Ourense, a estrada está bastante ben de firme. As dificultades están no Rodicio e na entrada á cidade. Botas un montón de quilómetros sen poder ir a unha velocidade axeitada e sen poder adiantar. Necesitabamos esas comunicacións, tanto coa capitalidade como a saída á Meseta, por Valdeorras. No Goberno bipartito estaba contemplada a mellora do trazado da estrada da Meseta, do Rodicio e o acceso á cidade.Estaba aprobado ese proxecto, mais logo veu o cambio de goberno e debeu quedar nun caixón.

Que opina da solicitude da declaración de Patrimonio da Humanidade para a Ribeira Sacra?

Que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade paréceme unha gran iniciativa. Aínda que para que a xente a coñeza debe ter unha serie de comodidades e a primeira son os accesos.

Caldelas seguirá na comisión de infraestuturas que impulsa Trives para a zona?

Paréceme ben calquera iniciativa que redunde en beneficio, mais temos que ver como continúa. Castro Caldelas vai seguir na comisión.

Cales son os principais recursos económicos do Concello de Castro Caldelas?

Os principais son  explotación de gando vacún, a viticultura e o turismo. O noso castelo é o punto máis visitado da provincia, coa excepción da catedral, mais o turismo será importante mentres o campo sexa viable, se vas a unha casa de turismo rural e podes pasear. Nestes intres estamos na parte final da segunda concentración parcelaria. Vaise á máis de dous millóns de euros, son tres parroquias e é a concentración máis grande de Galicia, segundo nos dixeron. Foi un dos meus retos cando accedían á Alcaldía. A comarca de Caldelas é a maior produtora de gando de carne de vacún.

Cales son os proxectos fundamentais que quere  desenvolver no Concello?

Interesanos o desenvolvemento da castaña e traballamos nun proxecto de turismo xeolóxico. Tambén buscamos financiación para o castelo. Un proxecto importantísimo é o traslado do museo etnográfico Sotelo Blanco de Santiago, o máis grande de Europa, ó Centro Comarcal de Caldelas. Tamén temos o potencial de arte sacro suficiente para crear o museo da igrexa de Cima de Vila, que non está dedicada ao culto. Temos as zonas museísticas do castelo e de Sotelo Blanco. Se fose posible este outro museo, a oferta cultural sería única.

Te puede interesar