VALDEORRAS

Secundino Fernández: "Hai obsesión por derribar ó alcalde buscando artíficios por todos os lados"

Alcalde Viana
photo_camera Secundino Fernández Fernández, alcalde de Viana.

Secundino Fernández, foi alcalde co apoio do único edil do PSdeG-PSOE 

O alcalde nacionalista (BNG) de Viana, Secundino Fernández, presentouse por primeira vez como concelleiro en A Fonsagrada (Lugo). Foi en 1995, nove anos antes de que motivos laborais o achegasen a terras vianesas. Aquí, foi concelleiro seis anos, ata acadar a Alcaldía nas derradeiras municipais, cando o BNG sacou cinco concelleiros, os mesmos que o PP. O apoio do único edil do PSdeG-PSOE o fixo alcalde.

Como atopou o Concello?

No aspecto económico, o Concello non ten débedas. Está saneado, mais había moitas facturas sin pagar. De feito tivemos que deixar sen pagar algunhas e chegar a acordos para resolver outras. Eran un pouco oscuras. Hai problemas coa empresa Viaqua, que reclama arredor de 250.000 euros, unha solicitude que estamos negociando. Tamén hai un pago pendente por un contencioso que perdeu o Concello, duns 40.000 euros. Ademais, temos que aboar outra ao Consorcio Galego de Traballo e Benestar pola Galescola. O Concello non estaba endebedado nos bancos, mais hai contas pendentes que poñen en perigo a estabilidade.

Esperaban conseguir os mesmos concelleiros que o PP?

O labor que fixemos todos estes anos na oposición foi de contacto coa xente e indicábanos que estaba moi cansa do goberno de Andrés Montesinos, o anterior alcalde. Non satisfacía as súas necesidades, nin contaba con ela. Non tiña ese contacto. Parecía un goberno para catro amigos. Entón, notabamos que os veciños estaban cansos. Dende as primeiras eleccións da democracia, a finais dos anos 70, e salvo catro anos, sempre se mantivo no poder a mesma ideoloxía. O anterior alcalde levaba doce anos, con sete concelleiros dun total de once. Unha maioría absoluta sobrada e eu me dicía: o pobo quéixase, mais á hora da verdade pode ser que lle voten de novo. Nós dimos unha alternativa. Non foi unha sorpresa que sacaramos cinco e que o Partido Popular perdese a maioría.

Despois de facilitar o seu acceso á Alcaldía, o concelleiro socialista quedou na oposición. Que opina do seu labor?

O labor do outro grupo, que o valoren os seus membros. Co PSOE houbo negociacións e non chegaron a bon porto porque entendemos que un concelleiro non pode gobernar igual que cinco. O apoio social e a poboación de viana amosou quenes eran a alternativa de goberno, independentemente de que non tivésemos a maioría absoluta. O PSOE podía participar, mais en función do seu resultado. Non houbo acordo e, a partir de aí, a súa actitude, en moitas fases destes catro meses que levamos do novo mandato foi a de intentar derribar ao alcalde do BNG. O concelleiro socialista empezou a machacar con iso da incompatibilidade. No pleno extraordinario que se celebrou o día 20 de outubro optou pola abstención, mais na argumentación, parecía o voceiro do Partido Popular. Nos intentamos, e de feito falamos, co portavoz do Partido Socialista moitas veces. Estabamos e estamos abertos a todo, pero hai que cambiar de actitude e se quere colaborar debe facelo. Non se pode boicotear e despois colaborar.

Teme que a denuncia de incompatibilidade feita polo PP ante o Pleno o aparte da Alcaldía?

Parece que hai obsesión por derribar ó alcalde buscando artificios por todos os lados. Como se pode acusar a unha persoa que ten unha incompatibilidade se non a exerce? É absurdo. O acordo plenario dicía que ata setembro non podía exercer esa adicación exclusiva. Non atopo unha explicación racional. Entendo que non temos maioría absoluta e, se queren presentar unha moción de censura, están no seu dereito. É utilizar as leis dun xeito personal e torticeiro en beneficio dun grupo político. O auto do tribunal o deixa bastante claro. Di que non atopa incompatibildiades, paraliza o acordo plenario e non observa ningunha razón pola que o alcalde non poida seguir exercendo.

A denuncia da incompatibilidade afecta á marcha do Concello?

No grupo de goberno houbo unha dimisión por esa situación e no labor diario claro que afecta. Esforzos que tiñan que estar centrados en resolver problemas municipais desvíanse a solucionar ese problema. É unha forma de torpedear a laboura municipal. 

Cales son as súas prioridades no Concello?

A miña prioridade é que o Concello de Viana sexa igual para todos, que todo o mundo teña as mesmas oportunidades. Isto é o que pretendemos, o que quero e o que imos conseguir. Ademais de establecer todos aqueles mecanismos que garantan a transparencia, temos outros obxectivos. Entre estes, figuran a participación política ou a social, como a creación do consello parroquial ou o municipal de cultura. Estes organismos permiten que a pobación participe nas decisións municipais. Outra necesidade é un plan xeral de ordenación municipal: crear solo industrial. Tiñamos previsto empezalo ó entrar, mais estáse empezando a tramitar unha lei autonómica e imos esperar a que acabe. Non imos empezalo para que nolo tumben porque mudou a lei. En canto ás tasas e impostos, temos que mirar de non cargar aos veciños. Estamos nunha situación económica difícil e temos que reconducilos: baixalos, para nós son demasiado esaxegarados para persoas e negocios. Tamén pretendemos un plan de infraestruturas, ampliar os servizos sociais e promover o turismo e a cultura.

Como foron os contactos con outras Administracións?

Coa Administración autonómica as relacións foron correctos. Por outra banda, nivel administrativo non temos problemas coa Deputación provijncial, mais as nosas demandas non tiveron moita resposta cando houbo política por medio. Así e todo, a decepción máis grande foi o boicot do alcalde de O Bolo a un obradoiro de emprego, a un proxecto importante para a zona, que daba emprego durante seis meses a 21 persoas. 

Te puede interesar