Ubaldina, a veciña da Veiga que entra no clube dos 100 anos

Ubaldina, na súa casa de Espiño. (J.C.)
photo_camera Ubaldina, na súa casa de Espiño. (J.C.)
Naceu en Espiño e foi alí onde cumpriu os seus 100 anos este mércores 6 de outubro

Ubaldina Escuredo cumpriu 100 anos este mércores, 6 de outubro. Entra deste xeito no selecto clube de quen pode presumir de vivir máis dun século. Natural de Espiño, A Veiga, a súa lonxevidade non parece pasarlle factura cando conta a súa historia. Unha historia na que como tantos valdeorreses, veuse na obriga de marchar na busca doutro futuro por España e Europa.

Ubaldina di que "cando eramos pequenos viviamos do campo, do que traballabamos nós", explica. Fundamentalmente, as súas mans labraban o campo. "Había que sementar para pan; centeo, que non botabamos trigo, para despois facer o pan para nós o comer", conta. Pero ao pouco marchou por unha longa xira que a levou por varias cidades. No seu pasaporte vital constan Santander, Bilbao, París ata que finalmente foi alternando Barcelona e Espiño.

Ata que chegou o momento de volver a Espiño, a aldea que a veu nacer e onde habita agora. Alí cumpriu a centena. "Xa son vella para andar viaxando", di. Ubaldina detalla as que cre que son as chaves para vivir máis: "Son os aires mellores". E unha relación coa terra que non se perde: "A todas as verduras que tes, non se lles bota nada. Se queres unha leituga cóllela e cómela".

Iso si, laméntase da situación na que se atopa o rural valdeorrés, algo que sucede tamén no resto do interior galego. Fala de Espiño e transmite o seu sentir: "Dáme pena. Antes había moita xente. Agora quedamos moi pouquiños non hai ninguén". Todo malia que deixa unha opinión para tomar nota: "Os pobos para a xente vella son o mellor. E para os nenos".

Te puede interesar