O CARBALLIÑO

Os 2.000 carteis do Pulpo viaxan polo mundo

uploaded_pulpo_result
photo_camera Dacal, Fumega, Nogueira e Fernández mostran o cartel.

O artista carballiñés Xesús Carballido é, por segundo ano consecutivo, o autor, seguindo así a tradición de que sexa un artista local o encargado deste cartel.

O alcalde de Carballiño, Francisco Fumega, acompañado polos ediles de Turismo, Manuel Dacal, o de Cultura, Diego Fernández, e o de Promoción Económica, Adolfo Nogueira, presentaron onte o cartel que publicitará a 53 edición da Festa do Pulpo, que se celebra no Parque municipal o vindeiro 9 de agosto. O artista carballiñés Xesús Carballido é, por segundo ano consecutivo, o autor, seguindo así a tradición de que sexa un artista local o encargado deste cartel. Fumega agradecía a Carballido a súa aportación desinteresada “tal e como fixeron antes os carballiñeses Felipe López, e logo o seu fillo Felipe Senén".


Nesta ocasión Carballido usando a técnica do collage (técnica pola que é recoñecido dende hai tempo) creou un cartel no que destaca a imaxe do polbo, verdadeiro protagonista desta romaría gastronómica de fama internacional. Carballido foi colocando distintas capas de azul, simbolizando o mar de onde chega o polbo, tendo no centro un resplandor de luz co que o artista quiso lembrar a luz especial da Coruña, á que se lle dedica este ano a festa. Esa luz reflexada nas súas galerías e no mar que a rodea. Finalmente, a composición remata co rabo e a tallada de polbo. 
Sobre a figura da muller, Carballido sinalou que é o elemento surealista, que rompe ca anterior realidade, aínda que “está aberto a todo tipo de interpretacións, para que quen o observa sexa tamén participe da obra dándolle o significado a esta parte do cartel”.


O cartel, do que se fixeron 2.000 unidades, xa foi repartido por medio mundo, en concreto por tódolos centros galegos no exterior, e dende onte está en toda Galicia e comunidades limítrofes.
O alcalde declaraba que "o importante non é o que se invirte nesta festa senón o retorno económico para o pobo porque é unha semana moi importante para moitos sectores do Carballiño".
O cartel, engadiu o rexidor, é un elemento máis de divulgación como son o selo, o mataselos e a postal.

Te puede interesar