Afife do monte, Afife do mar

A praia de Afife
Si. Ese Afife do distrito portugués de Viana do Castelo que canta o noso Coral de Ruada con letra e música de Manolo de Dios. Ese mesmo Afife que nos conmove coa lenda das súas orixes, cando a bravura e astucia dos seus homes e a enteireza das súas mulleres conseguiron escurrizar da comarca ós soldados de Xulio César que, donos dos seus corpos e bens, os tiñan oprimidos ata a vexación. Conta a lenda que o nome de Afife deriva da expresión romana AFF-HIFAS (sopa de cabelos). Ocorría que as mulleres da zona para causar repugnancia entre os soldados, e así librarse das súas violacións, estragaban o seu propio rostro con pedras e arrincaban coas unllas o seu cabelo.
Pelos que logo botaban o río de Cabanas, o río do pobo. Cando os soldados romanos se achegaron ó río para beber, un deles berrou, AFF-HIFAS! Repetindo todos a coro, AFF-HIFAS, AFF-HIFAS! De aquí, o nome de Afife.

Pobo e contorna dos que todos gaban a beleza das súas paisaxes, a inmensidade das súas praias, os desafíos do seu mar (para os amantes das 'táboas' e da vela), a paz sobrecolledora do mosteiro de Cabanas, a amabilidade das súas xentes, e a casa hospedaxe de Santa Ana, acolledora, confortable, familiar. Agora ben, e aparte do dito, estanse a dar en Afife dous feitos que acentúan en maior medida a súa singularidade. Un deles, en razón de sintonía entre un pobo e un poeta, e u outro, en cuestión menor, pola peculiaridade dun nome.

Vaiamos co primeiro. Poucos casos debe haber no mundo con tan íntima sintonía entre un pobo e un poeta, entre o pobo de Afife e o poeta Pedro Homem de Mello. O de don Pedro por Afife, pese a non ter raíces na zona, foi de auténtico namoramento, 'Pobo nobre, raza antiga, Afife do monte, Afife do mar'. Pobo que lle inspiraría os seus mellores versos, algúns deles cantados pola raíña do fado, Amália Rodrigues. Tanto o seu amor por Afife que, orixinario do Porto, quixo que o soterrasen no seu pobo de adopción, 'Enterrem os meus ossos en Afife, no bravio jardim que me fez homem, pois quero ter, se os cardos também comem, a sua fome pura por esquife'. E, pola súa banda, ¿como lle corresponden os veciños a tanto afecto? Pois, facendo do poeta centro da vida sociocultural do pobo e celebrando a miúdo, na súa honra, lectura pública dos seus poemas, semanas culturais, concursos de poesía. Colaborando con outras institucións nas sucesivas edicións da súa obra, ou dando o seu nome a estradas, prazas, urbanizacións. Incluso, en espazo reservado por Galicia a inscricións sinistras, colocando a ambos lados da porta de entrada ó cemiterio sendas placas con dous poemas do autor.

E agora, o da peculiaridade dun nome. Porque, peculiaridade si hai no feito de que á rúa dun pobo se lle dese o nome de 'Caminho do Cavalinho Morto'. Ata onde chegan as miñas indagacións, caso único no mundo. A expresión que máis se lle acerca para dar nome a algo é a de 'Cavalo Morto', pero no reino da poesía. Para o poeta español Juan Carlos Mestre, 'Cavalo Morto es un lugar que existe en un poema de Lèdo Ivo (poeta brasileiro). En Cavalo Morto las sandías son mujeres... En Cavalo Morto los locos tienen alas de mosca... En Cavalo Morto todas las cosas perfectas pertenecen a otro... Cavalo Morto es un lugar que no existe'. Caso único o de Afife, pois. Outra cuestión distinta é a do orixe de tal nome, do que se teñen dado explicacións de toda sorte. Alguén me falou (versión da que non existen testemuñas nin documentos) dunha antiga e longa historia de enfrontamentos entre dúas familias inglesas residentes no pobo, enfrontamentos dos que un pequeno cavalo dunha das familias pagaría as consecuencias, con resultado de morte.

Falaba máis arriba de afectos mutuos entre Afife e un poeta. Pois vaia tamén a miña expresión de estima por un pobo que tan grato nos está a resultar tanto a min como a miña familia.

Te puede interesar