ourensanos por el mundo

"As aldeas dispoñen de tódolos servizos e uns bos accesos para que se poida vivir nelas"

Francisco Marnotes.
photo_camera Francisco Marnotes.

Con tan só 16 anos Francisco Marnotes iniciou a travesía que o levaría a instalarse en Arxentina

A renuncia do seu irmán a marchar cara Arxentina unha vez recibidos os papeis que así o autorizaban, motivou a Francisco Marnotes a coller un barco e facer unha travesía de 15 días polo Atlántico con tan só 16 anos.

Pode contar esa historia?

Tiñamos unha ferreiría que era propiedade dun veciño que se fora para Venezuela e había a oportunidade de traballar de chapista en Buenos Aires, que era un oficio con moita demanda. Así que me viñen da aldea para O Carballiño e estiven seis meses de aprendiz nun taller de chapa e pintura que estaba na antiga estrada a Ourense. Funme para Arxentina no ano 1950 e xa comecei a traballar nun taller, ata que coñecín a outro emigrante da Esgueva (parroquia carballiñesa) e puxémonos pola nosa conta. Logo xa facíamos carrocería e reparacións de chapa para empresas de autobuses.

Cal é a situación dos emigrantes galegos en Arxentina?

Penso que sempre nos defendimos ben pero traballando moi duramente, e poderiamos dicir que chegamos a unha posición máis ou menos cómoda.

Cómo calificaría a relación dos galegos cos arxentinos?

Nós temos fama de traballadores e decentes, o cal é un orgullo para todos nós, e a nosa relación cos nativos dalí sempre foi de manternos compenetrados e respétannos moito. Noutros países do sur de América non sucede o mesmo.

Vén tódolos anos ó Carballiño? 

Sí, aínda que o ano pasado non puden vir. Pero estou aquí sempre para participar na romaría da Madanela, o 22 de xullo, que é a patrona da nosa parroquia, e tamén na Festa do Pulpo, se ben este ano marcharei antes das festas do setembro.

Nota moitos cambios no Carballiño?

Encántame o clima e a xente amiga que temos aquí, pero vexo que as aldeas están a quedar moi baleiras, cando nelas hai auga, luz, alcantarillado e boas comunicacións e podemos vivir nelas perfectamente. Haberá que artellar medidas para que o rural recupere a súa riqueza, pero tamén teremos que poñer nós o noso grao de area.

Te puede interesar