Ourensáns polo mundo

Ana Piñeiro: "Boto en falta o verde, as árbores, a auga"

Ana Piñeiro
photo_camera Ana Piñeiro, en Parada de Sil
Nada en Parada de Sil e residente en Alicante

Ana Piñeiro viaxou xunto coas súas irmás ata Alemaña en 1973, onde xa residían os seus pais. Alí coñeceu a un mozo de Alicante e marchou para a cidade levantina en 1979, onde aínda reside, voltando cada ano ou mesmo con máis frecuencia á terra que a viu nacer. Ana, de nai navarra e pai galego, lembra as viaxes que o seu pai realizaba ata Ourense como conductor da liña de autobús coa capital. 

Por que marchou para Alicante?

Os meus pais eran emigrantes e, cando tiña 13 anos, marchei para Alemaña con eles. Alí coñecín a un alicantino e foi como cheguei a Alicante. Pero veño tódolos veráns a San Esteban, e as miñas irmás tamén. Teño unha filla de 24 anos que veu vivir para Ourense hai tres, sempre lle gustou moito. Vimos sempre que podemos porque as nosas raíces son estas. Ó meu home tamén lle gusta moito vir.

É moi diferente a vida en Alicante e en Parada de Sil?

Moito. Alí o clima no inverno é moi bo, pero no verán é insoportable. Despois, a vida tamén é distinta. En Alicante sáese pero non como aquí, é diferente. En Galicia vaise moito ós bares e a xente é moi acolledora, mentres que alí cada un anda máis á súa vida. Os amigos de verdade son os da infancia, os que fas de maior xa non son o mesmo.

Que lle gustaría que tivera Alicante do que hai en Parada de Sil?

O clima porque alí o verán é terrible. Pero, sobre todo, o verde que hai aquí, as árbores, a auga... Tamén a xente e o tipo de festas, que en Galicia son moito máis familiares.

E que lle gustaría que tivera Parada de Sil do que hai en Alicante? 

O clima do inverno, nada máis.

Aparte dos seus seres queridos, que é o que máis bota en falta de Parada de Sil?

Boto en falta o pobo en si, o unida que está a xente. Os que temos xa unha idade e os novos en Parada de Sil están moi unidos. Aquí traenche unha cebola, unha leituga... E ti tamén das o que tes. 

Cambiou moito Alicante dende que vostede chegou alí?

Cambiou moitísimo, antes era unha cidade máis pequena. A verdade é que estaba un pouco abandonada e agora está moito mellor, como España en xeral. Cando eu marchei para Alemaña, notábase moito e cando cheguei a Alicante aínda o percibín, pero o país foi mellorando e iso nótase.

E como evolucionou Parada de Sil nestes anos?

Está todo precioso. O Concello tense preocupado moito polos turistas e medrou moito a hostelería. O único que lle falta é un aparcamento para os visitantes.

Te puede interesar