ourensanos por el mundo

“Cada verán noto que vén menos xente a pasar as vacacións a Xinzo"

Teresa Folgoso Rodríguez.
photo_camera Teresa Folgoso Rodríguez.
Teresa Folgoso tivo que deixar A Limia para poder medrar profesionalmente, aínda que non pecha a porta a regresar.

Que foi o que a levou a deixar Xinzo e marchar a Madrid?

Son profesora de Secundaria coa especialidade de Orientación Educativa e aquí non había ningunha academia especializada na que puidese preparar as oposicións. Por este motivo tiven que marchar. Estiven un ano en Badajoz e ao seguinte volvín a preparalas na Comunidade de Madrid e xa me quedei alí. 

Que é o que máis bota de menos de Xinzo?

Primeiro a familia, porque todos eles están aquí. Despois os amigos, aínda que a maioría estamos todos desperdigados por aí. Tamén boto en falta a paisaxe e as costumes, pero é certo o que se di de que Madrid acolle a todo o mundo, alí non tes ningún problema para integrarte. Aínda así, eu veño unha vez ao mes a Xinzo para ver aos amigos e á familia. 

Lévase mellor a morriña en Madrid?

Si, porque hai un montón de xente e, polo menos no meu círculo de coñecidos, moi pouca é de alí. 

Como ve Xinzo a día de hoxe?

Moi decaída. Eu recordo cando vivía aquí e saía que había moitísima xente en Xinzo. Cada verán noto que vai vindo menos xente a pasar as vacacións aquí. Sí hai moita xente no Entroido, pero todo o que había antes na Limia a nivel de hostalería e ocio está prácticamente cerrado. 

Que cre que se podería facer dende as administracións para recuperar aquel Xinzo? 

Crear empresa, porque non a hai. Poderían facer algún estudo de mercado e crear entidades alternativas ao sector primario que deran postos de traballo. Tamén promover un pouco máis o turismo. Hai unhas charcas da Lagoa que se están recuperando e que non se promocionan. Temos unhas zonas moi bonitas, e cando vén a xente quédase impactada. Tamén deberían potenciarse os pobos do rural. 

Que diferenzas de carácter observa entre a xente de Madrid e a de Xinzo?

Eu tiven moita sorte, porque en Madrid sempre me acolleron ben. É verdade que nós somos moi abertos, pero eles tamén son moi hospitalarios. Nós temos fillos e eso tamén nos levou a relacionarnos con moita xente diferente. 

Que é o que mais disfruta cando está por aquí?

Estar en compañía da familia e dos amigos, o que conleva disfrutar de festas e celebracións (ríe). 

Volvería a vivir aquí?

Si. Agora non están as cousas como para iso, pero non pecho a porta a volver nun par de anos.

Te puede interesar