ANIMAIS

Os cans teñen sitio de baño no parque alaricano de Portovello

Parque Portovello, lugar habilitado para o baño dos cans.
photo_camera Parque Portovello, lugar habilitado para o baño dos cans.

A iniciativa, posta en marcha hai varios veráns, ten por obxectivo facilitar a convivencia entre os propietarios de mascotas e aquelas persoas que desexan manterse afastadas dos animais.

O Concello de Allariz conta este ano co parque Portovello como zona habilitada para o baño de cans. A zona, contigua ó Museo do Coiro, é unha das áreas recreativas fluviais presentes no centro da vila, elixida como espazo canino polo seu bo acceso ás augas e a súa situación nunha ampla zona verde. 

A iniciativa, posta en marcha hai varios veráns, ten por obxectivo facilitar a convivencia entre os propietarios de mascotas e aquelas persoas que desexan manterse afastadas dos animais. Para estes últimos, o Concello reserva as zonas do Arnado e a Acearrica, ámbalas dúas habilitadas exclusivamente para o baño de persoas. A medida adoptouse para dar resposta á alta demanda dos donos de cans, que reclamaban un lugar onde as súas mascotas puideran refrescarse nos meses de verán. Unha solución amplamente aplaudida, se ben algúns veciños lamentan que na posta en práctica non se reflicta, posto que algúns visitantes, especialmente familias, non acepten este dereito que o Concello lles outorga ós animais e protesten ó ter que compartir o baño con eles. 

A habilitación do parque Portovello como lugar indicado para o baño dos cans súmase a outras iniciativas que o Concello de Allariz ten realizado para avanzar na incorporación das mascotas ó día a día da vila en consonancia co resto dos veciños, ó tempo que ten traballado en concienciar sobre o seu coidado, a identificación dos cans ou a recollida de excrementos na rúa.

Te puede interesar