ocio - infantil

Unhas cantas reviravoltas para converter un globo en figura

Os globos encheron de cor a cafetería do auditorio Ilduara.
photo_camera Os globos encheron de cor a cafetería do auditorio Ilduara. (C.P.)

A biblioteca municipal de Celanova organiza un obradoiro de globoflexia nas actividades estivais

As primeiras voltas costábanlle un pouco, quizais polo medo de que a fina goma do globo estoupase e, como moito, lles dese un pequeno susto. Por iso, facer o cinturón, o can ou a espada, resistíuselles un pouco. Pero cando chegou o momento de elaborar un "crazy hat" -porque ademais de manexar globos, a cousa ía de aprender inglés-, xa non había dúbida. Foi o obradoiro de globoflexia organizado polo Concello de Celanova na biblioteca municipal e no que ducias de rapaces da vila amosaron a súa arte cos traballos manuais. "Tranquilos que hai globos pra todos", dicían os monitores mentres repartían as pezas para realizar tódolos complementos que foron adornando o corpo dos pequenos participantes.

"A min non me sae", comentaban algúns con algo de enfado e frustración por non ser quen de realizar as reviravoltas necesarias para convertir aquel tubo nunha figura, máis ou menos realista. "Non vos preocupedes, que vos axudamos", tranquilizábanos os monitores. Pero claro, non hai sensación comparable ó orgullo de facelo un mesmo, por iso a maioría non se renderon facilmente, sobre todo cando chegou a hora de facer ese "sombreiro tolo". Cada un coa súa creatividade e imaxinación, foille dando forma ós seus globos para engalanar as súas cabezas coas formas máis orixinais.

A proposta, organizada como parte do programa estival do Concello, encheu de cor a cafetería do auditorio municipal Ilduara de Celanova. Sumado á ilusión dos pequenos por comprobar como con un par de xestos eran quen de transformar un simple globo nunha "escultura" perfectamente recoñecible. "Mira! Mira!", berraban entre eles emocionados ó ser capaces de seguir as instruccións marcadas polos monitores. "Facemos unha N, dámoslle tres voltas e xa temos unha espada". E así fixeron. Unha hora durou o obradoiro de globoflexia, pero foi tempo suficiente para que os pequenos participantes marchasen tremendamente orgullosos con tódolos seus complementos e amosándolle ós seus pais e familiares os logros acadados cun simple tubo de goma.

Te puede interesar