OCIO EN VERÁN

Carballiño celebra unha Ruta das Tapas dedicada ao pulpo

<p></p>
photo_camera Autoridades, hostaleiros e patrocinadores durante a presentación da Ruta das Tapas do Pulpo.

Quince establecementos participan nesta iniciativa como anticipo da Festa do Pulpo

Arroz caldoso con pulpo, vinagreta de pulpo, brocheta de pulpo e cogumelos, entre outros deliciosos pinchos, pódense degustar hoxe, a partir das 20,00 horas, nos quince mesóns, bares e restaurantes que participan na Ruta das Tapas do Pulpo, que comezou onte no Carballiño, dentro da programación de actividades que se desenvolverán ao longo destes 15 días, previos á Festad o Pulpo, que se celebra o próximo 14 de agosto, no Parque municipal, onde se espera a asistencia de miles de persoas.

Son dúas xornadas gastronómicas desta ruta especial na que participan: Don Paco, Soldado, Loft, Os Portales, O Fiadeiro, O Peñasco, Flamingo, Raíña das Tapas, Pituxo, A Fuchela, Da Vinci, Roraima, Parrillada San Andrés, Pulpería Carballiño e Comonacasa.

Onte presentouse unha mostra das tapas na Praza Maior do Carballiño, asistindo o alcalde, Francisco Fumega, e unha representación dos hostaleiros que participan nesta iniciativa, ademais da xerente do Centro Comercial Aberto, Noelia Mares; a representante da adega Pazo Tizón, Cristina Mouriño, e os concelleiros de Cultura, Diego Fernández; de Promoción Económica, Adolfo Nogueira, e de Benestar Social, Marina Ortega.

Durante o acto, tamén se entregaron os premios da Ruta das Tapas 2015-2016, consistentes en cinco vales por valor de 200 euros cada un para mercar ou consumir nos establecementos comerciais e hostaleiros asociados ao Centro Comercio Aberto, así como unha viaxe para dúas persoas, concedido por Pazo Tizón.

Os clientes agraciados son: José Fernández Nogueira, José Trigás Vázquez, José Manuel Sobrado, Eulogio Alonso, Juan Pedro Alonso Dacal e Pilar Caballero que gañou a viaxe.

Francisco Fumega agradeceu a implicación da hostalería nesta iniciativa que redunda na promoción do sector dos servizos, que é un dos máis importantes do Carballiño, segundo apuntou. Ao mesmo tempo, Diego Fernández convidou a todos os carballiñeses e visitantes a percorrer os mesóns e os bares para degustar a un prezo moi popular (1 euro cada tapa)os pinchos elaborados con pulpo. O concelleiro destacou o éxito da Ruta das Tapas gracias a colaboración do sector da hostalería e do Concello, "exemplo de como se debe traballar".

Te puede interesar