OCIO INFANTIL

O Carballiño acolle ata o venres títeres para cativos

photo_camera Representación de "Soños na gaiola", de Alakrán, onte, no festival.(M. PINAL)

Un total de cinco compañías participan na novena edición do "Festival de Títeres" do Carballiño, que se desenvolve na praza dos Irmáns Prieto dende o pasado luns e ata o vindeiro venres, baixo a organización da Concellería de Educación e Cultura.

Os cativos xa puderon disfrutar dos espectáculos "A noite dos monstruíños", a cargo da compañía Títeres Duende Sico, o día 14, mentres onte a quenda foi para a compañía Títeres Alakrán, coa obra "Soños na gaiola", que encantou ó público asistente. Co mesmo horario das 19,30 horas, Títeres Tanxarina representará hoxe "As bombas e o xeneral", mentres o xoves, a compañía Ti e máis eu Teatro porá en escena a obra "A troita do Arenteiro".

Para a xornada de clausura do venres, día 18, está prevista a realización, ás 12,00 horas e na devandita praza, dun obradoiro ecolóxico para a creación dun boneco con materiais de refugallo. Xa na habitual sesión de tarde, a compañía A Xanela do Maxín ofrecerá o espectáculo de monicreques "Títeremusiconto".

Te puede interesar