CARBALLIÑO

Carballiño espera 100.000 visitantes

20190730183116462_result
photo_camera O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, xunto con representantes políticos e patrocinadores, na presentación da Festa do Pulpo.
A vila ofrece desde hoxe un amplo programa de actividades e espectáculos previos a celebración da LVII Festa do Pulpo

A LVII edición da Festa do Pulpo do Carballiño ofrece unha ampla programación de actividades e espectáculos previos a multitudinaria celebración gastronómica do próximo día 11 de agosto, para a que a vila se prepara con vistas a recibir preto das 100.000 persoas, segundo calculan as autoridades municipais, responsables da organización.

Coa continuidade das Xociviga e o comezo da semana grande para os pequenos, que se desenvolverá na Praza Maior, inaugúrase o programa que terá, entre outros atractivos, a realización da tapa de pulpo máis grande do mundo, prevista para o día 6, ás 19,00 horas, na Praza Maior; un concerto de música folk con Treixadura "Xira inda canto!", o 8 de agosto,ás 23,00 horas; a actuación do Combo Dominicano, ao día seguinte e a mesma hora; as Xornadas Internacionais de Folclore, previstas para o día 7, tamén as 23,00 horas, ou a Festa das Camisetas, que será na xornada previa á Festa do Pulpo, con charangas e batucadas, que cada ano atrae a miles de visitantes.

Os hostaleiros ofrecen mañá a ruta da tapa do pulpo e o venres comeza o quinto ciclo Músicas de Sofá, que se prolongará ata o sábado cos grupos Lúa, Mars Attack, Orquesta Galicia Fiddle, Luca Argel, Nu,Eva, Cro! e Mounqup, que actuarán en diferentes espazos públicos do Carballiño.

O mesmo sábado, tamén terá lugar o XXVI Festival de Habaneras, ás 20,30 horas, no Auditorio Manuel María, e o 5 de agosto, as autoridades locais entregarán o Premio Honorífico da 57 Festa do Pulpo.

A música na rúa forma parte da programación, con grupos e DJs durante as tardes noites. Os comerciantes da Praza de Abastos tamén fan a súa aportación á esta festa coa actuación do grupo Feitizo de Pau, o 10 de agosto, despois do sorteo da súa campaña "Este verán refréscate", previsto para o día 8, ás 13,00 horas, no mesmo mercado. 

Os nenos terán un protagonismo especial, porque á semana de actividades con talleres e xogos súmase a Festa da Auga e da Espuma, o día 2, na Praza da Veracruz, ás 19,00 horas, e varias competicións deportivas.


Día grande


O día grande, que coincide tódolos anos co segundo domingo de agosto, comezará con pasarrúas das charangas CLK e Castro Bello, ademais de varios grupos de música tradicional, que actuarán durante toda a xornada no Parque municipal. Ás 13,00 horas desenvolverase un acto de recepción de autoridades, concretamente na explanada dos Irmáns Prieto, que dará paso ao xantar no recinto oficial. Xa pola noite, haberá verbena na Praza Maior coa orquestra La Oca.


Presentación


O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; o concelleiro de Cultura, Diego Fernández; o de Turismo, Manuel Dacal; e a xefa territorial de Cultura e Turismo, Sandra Quintas, presentaron onte a nova edición da festa, acompañados por outros concelleiros do Carballiño e representantes das empresas patrocinadoras, que nos últimos anos apoian este evento gastronómico. 

Francisco Fumerga manifestaba que á Festa do Pulpo "só lle queda acadar a calificación de Interés Turístico Internacional, que conseguiremos no próximo ano", lembrando que esta 57 edición está dedicada a Asturias, onde en días pasados tamén se fixo una presentación. 

Diego Fernández encargouse de destacar a programación coa que se pretende transmitir unha imaxe de moita actividade, "que os visitantes vexan esa mobilidade e ese éxito da festa".

Manuel Dacal manifestaba o agradecemento aos patrocinadores, "sen os que sería imposible levar a cabo esta festa con tanto éxito", referíndose igualmente ao apoio da Xunta de Galicia e da Deputación provincial. O concelleiro sinalou que se esperan ao redor de 100.000 persoas e destacou o protagonismo das pulpeiras que se instalarán nas rúas do pobo e no Parque municipal. 

Sandra Quintas referiuse a que  na provincia de Ourense celébranse máis de 20 festas ao ano, das que só o Entroido de Xinzo é de Interés Turístico Internacional, destacando a do pulpo por ser unha das declaradas de Interés Turístico Nacional. Engadiu que este evento aporta produtos de primeiro nivel e pon en valor o oficio das pulpeiras. Sinalou, ademais, que é un exemplo á hora de promocionar a gastronomía galega e ofreceu ao concello a colaboración da Xunta para o seu impulso, mediante axudas e convenios.

Te puede interesar