Teatro

Trinta anos co mellor teatro no Carballiño

La 30ª edición se celebrará entre el 2 y el 6 de septiembre, y contará con un programa de una docena de obras

A trixésima edición do Festival de Teatro Galego (Fetega) ten todo listo para a súa posta en escena do dous ao seis de setembro no Carballiño. Este ano, o seu nome rebautizouse cun recordo especial ao actor Celso Parada, recentemente falecido.

A súa presentación tivo lugar onte na Deputación de Ourense, coa presenza de Rosendo Fernández, vicepresidente do organismo provincial; Jacobo Sutil, presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Francisco Fumega, alcalde de Carballiño; Josi Lage, directora do Fetega; Manuel Carballeda, representante da empresa Montañesa, e actores e actrices que formarán parte do festival.

Nesta presentación, Rosendo Fernández quixo comezar destacando que "o Festival de Teatro Galego celebra a súa trixésima edición". Ao longo de trinta anos, este evento é unha das insignias do teatro galego  en toda a comunidade. "Reúne as mellores compañías do panorama artístico galego e converterá á Vila do Arenteiro na capital do teatro galego", afirmou Fernández.


O Fetega amplía os seus días de celebración de tres a cinco, así como o seu catálogo de actividades 


Dende a Deputación de Ourense, Fernández reafirmou o seu labor á hora de apoiar eventos que fomenten a cultura na provincia. "Sempre tratamos de ser un referente, axudando, colaborando e, sobre todo, cooperando coas institucións para ver teatro do mellor e maxia. En definitiva, para ver cultura en maiúsculas", dixo Fernández.

Esta edición en lembranza de Celso Parada foi unha das partes que Jacobo Sutil quixo salientar. Dende a súa posición representando á Xunta de Galicia e á Agadic, rememorouno como "unha  figura esencial do teatro galego". Xunto a isto, felicitou a Josi Lage e á toda a organización de Fetega por este aniversario e destacou o seu "labor na difusión das artes escénicas galegas".

Sobre a homenaxe a Celso Parada, Josi Lage resaltou a novidade do rebautizamento desta 30ª edición por Festival de Teatro Galego "Celso Parada": "É unha homenaxe a este actor e director vital das artes escénicas galegas, que nos deixou recentemente". Á parte diso, cualificou o cartel deste ano como "unha programación sublime". 

Lage deu o agradecemento a todos os colaboradores que este ano permitiron que os orzamentos acadasen unha cifra dobre frente a outros anos: "Sen eles, este trinta aniversario non podería ser tan fantástico, cunha programación da mañá á noite", engadiu a directora. Recoñeceu o traballo do festival ao que representa ao facerse integramente en galego. 


Josi Lage deixa a dirección do Fetega tras vinte anos como cabeza máis visible da organización


Como primicia, tal como ela o mencionou, Josi Lage deixa a dirección do festival: "Chegamos ao trinta aniversaro e é hora de que se renove, de que chegue xente con ganas, con impulso, forza e leve outros trinta anos o festival arriba". Xunto a esta declaración, confirmou que seguirá colaborando co Fetega, co que leva á fronte vinte anos.

Entre outras novidades deste ano, xunto coa homenaxe a Celso Parada, está a ampliación de tres a cinco días. Grazas a este maior número de xornadas, a programación tamén é moito máis ampla.  Contarán con obradoiros, que xa se están a celebrar, así como actividades infantís. Un engadido deste ano é o ciclo de monologuistas que pasarán pola Casa da Cultura. Josi Lage destacou  os premios que se entregarán este ano, que pasan a ser seis: "Teremos o Premio de Honra, á mellor actriz, mellor actor, ao mellor espectáculo, mellor espectáculo na rúa e mellor monologuista cómico". Estes galardóns serán escollidos por un xurado e resolveranse na gala que terá lugar o venres seis de setembro.

Representando ao Carballiño, o seu alcalde Francisco Fumega, explicou o que significa a celebración deste clásico festival de teatro na vila: "É un compromiso coa cultura, unha traxectoria e a implicación de moita xente, unha plataforma para os actores do teatro galego". Ademais, agredeceu a cooperación das empresas carballiñesas que, xunto co Concello, permitiron "unha maior implicación económica neste trinta aniversario".

Por parte das empresas privadas que fan a súa aportación para que o Fetega se repita cada ano, Manuel Carballeda quixo sinalar: "Os que pertencemos ao mundo da empresa recoñecemos que nunca se está libre de riscos nin de ter que sorte ano a ano distintas dificultades, polo que é un éxito manterse trinta anos". Carballeda tamén destacou o labor de Josi Lage á fronte de Fetega, así como a de todas aquelas persoas que colaboran cada ano para a súa celebración e ás compañías e actores e actrices participantes.

Para consultar o programa completo  faga clic neste enlace

Te puede interesar