La Región

ENTREVISTA

Carlos Núñez: "A nosa música tradicional está por riba de modas e tempos, únenos, é transversal"

A música galega viaxa cada ano da man de Carlos Núñez (Vigo, 1971) ao redor do globo. De Estados Unidos a Marrocos ou Xapón, Núñez leva, aos seus 48 anos, unha longa e recoñecida traxectoria musical a nivel internaciona
Carlos Núñez, o pasado verán no Mosteiro de San Estevo.
Carlos Núñez, o pasado verán no Mosteiro de San Estevo.
Carlos Núñez: "A nosa música tradicional está por riba de modas e tempos, únenos, é transversal"

Dende fai tres anos, no verán fai parada na ruta "máxica" de Galicia, onde os escenarios deixan de estar nos grandes auditorios e aterrizan entre as pedras da historia. Na provincia ourensá, a xira de Núñez fará parada no Mosteiro de Santo Estevo de Ribas do Sil –o próximo xoves a partir das 20,00 horas–; no Mosteiro de Oseira –o sábado 27, ás 20,00 horas–; no Castelo de Monterrei –o sábado 3 de agosto ás 21,00 horas–, e no Claustro do Mosteiro de San Salvador, en Celanova –o día 12 ás 20,00 horas–.

Di que esta xira era para vostede un “soño".

Si, levaba moitos anos con ganas de facelo. Este é o terceiro verán consecutivo que o facemos, e a verdade, todo un éxito. Xirando polo mundo, por lugares curiosos, como unhas adegas en California ou un castelo en Italia, foron moitas as veces que pensaba en como se podería facer algo así en Galicia. En vez de facer sempre os concertos en lugares feos, cheos de cemento, e de asfalto, facer os concertos en lugares bonitos. 

Cal era o impedimento?

Que temos un sistema estándar que non permite ese tipo de concertos, e ademais é un sistema controlado con diñeiro público. O que fixemos foi arriscarnos a facer algo seguindo o noso amor polo país e o noso gusto. Son lugares escollidos, moitos deles descoñecidos tanto para a xente de fóra coma para os de aquí. É unha aposta por facer que a xente se achegue a estes lugares que chaman a un tipo de turismo cultural: é outra forma de sentir a música. Esta xira sontense gracias ao apoio xenuino do público.

Foi difícil facer a escolla?

Claro, hai moitos lugares marabillosos, todos os anos cambiamos e facemos cousas novas. Este ano, por exemplo, vimos de facer un no Parador de Baiona e ao día seguinte tocamos no Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro. Un parque con petroglifos, foi un concerto no que a xente pasaba por todo tipo de escenarios distintos, e acústico 100%.

Son todos acústicos?

Cada espazo está pedindo un tipo de repertorio e un tipo de música. Por exemplo, no claustro de Santo Estevo, aberto, vai ser un concerto baixo as estrelas. Co cal, isto permíteche ese lado cultural, de viaxar no tempo, pero tamén un concerto con músculo e con moita festa. O Mosteiro de Oseira é un lugar fascinante, pero que ten outro tempo, ten algo de rock sinfónico, non pide peciñas de tres minutos e medio, pide pezas de moito carácter, músicas de máis desenrolo. Como cada lugar ten unha personalidade, os músicos irán rotando, así coma o repertorio. 

Como cambia a actuación para o intérprete ao ser nun lugar “máxico"?

Cambia dende o momento que entras no lugar, xa che está falando. Durante as probas de son podes ir probando e o lugar xa che di se quere esa peza ou non é apropiada. É algo estupendo porque cantas veces facemos xiras por aí e os lugares son calcados, son sistemas, tes que preguntarte 'onde estamos hoxe?'. En cambio, isto é unha marabilla, son localizacións que son un luxo.

Que músicas se poderán escoitar?

Todo tipo de músicas, un arco que abarca 3.000 anos de música: dende temas que fixen con The Chieftains, os meus mestres, nos 30 anos que levamos xuntos, ata a colaboracións que fixen con artistas pop, como co cantante de Supertrump. Faremos tamén percorrido polas nosas músicas, presentaremos unha lira celta que apareceu en Galicia o ano pasado, e o seu son vai estar acompañado cun poema que se atopou en lingua celta.

A proposta está tendo unha moi boa acollida.

A música tradicional é transversal, pasa por riba de modas e dos tempos. Conéctanos a todos, e é importante que sintamos esa sensación. Ademais, é o mellor xeito de dar a coñecer as tradicións dos lugares e son músicas que non teñen saída fácil nos medios estándar. Creo que Galicia podería liderar toda unha nova sensibilidade cara as tradicións, máis que simplemente festivais de rock e de pop pagados con diñeiro público.